Cultura

@festivaldecans abrirá este ano cos filmes ‘A estación violenta’ e ‘British winters’

O Festival de Cans continúa nesta edición a súa aposta polas novas xeracións de cineastas do país e acollerá a proxección de tres filmes realizados por novos profesionais da creación que veñen do ámbito da curtametraxe.

Así, na apertura proxectaranse British Winters, debut de Roque Cameselle no ámbito da imaxe real, e A estación violenta, primeira longa de Anxos Fazáns, que se atopa nestes días presentando o filme internacionalmente no prestixioso BAFICI. Nela, esta Novísima do cinema galego adapta libremente a novela homónima de Manuel Jabois. Protagonizada por Alberto Rolán, Xosé Barato e Nerea Barros, os dous primeiros estiveron esta mañá na presentación da imaxe gráfica e as camisetas do 15º Festival de Cans que tivo lugar na tenda de Nikis Galicia en Santiago de Compostela.

“Cans cumpre 15 primaveras e eu síntome moi vello porque xa estiven na primeira edición”, bromeu Barato, recalcando a emoción que o equipo do filme sinte polo seu vínculo co festival. Alberto Rolán, pola súa parte, recalcou o carácter “xeracional” desta película que relata o reencontro entre tres amigos de xuventude nunha etapa complexa das súas vidas, dominada pola frustración e a ausencia dun futuro brillante. A estación violenta terá en Cans a súa primeira grande proxección pública en Galicia, xusto antes da súa estrea comercial en salas prevista para o 31 maio.

Entradas da sección oficial

A presidenta da Asociación Arela, Keka Losada, adiantou que a partir da semana que vén estarán xa dispoñibles na tenda virtual do festival as entradas para Furacáns (a competición de curtas de non-ficción) e os primeiros 500 packs de entradas para a Sección Oficial a concurso e camiseta, que inclúen tamén unha chapa exclusiva como agasallo.

Estes packs, que poderán recollerse nas tendas de Nikis Galicia e na tenda Tía Tata do Porriño, estarán á venda dende o martes 24 de abril ata o venres 4 de maio, e terán un prezo de 21,5 euros. As entradas para Furacáns, pola súa parte, costarán 5 euros, estarán dispoñibles a partir do xoves 26 de abril en tenda.festivaldecans.com e poderán retirarse no posto de merchandising do festival durante os días de celebración do certame.

También te puede interesar