
María L. García | vigoalminuto
O frío volveu apertar en Galicia. Calvos de Randín marcou esta madrugada a temperatura máis baixa da comunidade, con 9,1 graos baixo cero, nunha xornada na que as xeadas volveron cubrir boa parte do interior. O rexistro supón un descenso significativo respecto aos días anteriores e confirma que as temperaturas comezan a caer con forza neste inicio de novembro.
MeteoGalicia advertiu de que a madrugada deste xoves deixou temperaturas moi baixas, mesmo para esta época do ano, en distintos puntos do territorio. Tras Calvos de Randín, tamén destacaron os rexistros negativos doutros concellos ourensáns: Xinzo de Limia chegou aos -6,9 graos e Verín aos -6,3.
A pesar do frío das primeiras horas, este xoves estará marcado polo tempo seco e solleiro, con néboas matinais no interior e temperaturas máximas sen cambios significativos. Unha tregua que, porén, ten as horas contadas.
Estamos de volta dun outubro ‘moi cálido’
Este dato de baixada dos termómetros contrasta coa nova, coñecida onte de que Galicia rexistrou en outubro un mes cálido e moi seco, segundo o avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia.
A temperatura media situouse nos 15,5 graos, un grao por riba dos valores habituais, cunha anomalía máis acusada nas máximas debido ao predominio das altas presións e á entrada de aire cálido procedente do sur. Os rexistros máis elevados concentráronse nas ribeiras do Miño ourensán, mentres que as mínimas máis baixas se deron na Limia, Verín, o Macizo Central e a Serra Calva.
A falta de chuvia foi especialmente significativa: só tres frontes atlánticas deixaron precipitacións xeneralizadas durante o mes. A media acumulada foi de apenas 34 litros por metro cadrado, un 79% menos do habitual, polo que outubro se considera moi seco. Para atopar un mes de outubro con menos precipitacións en Galicia hai que remontarse a 2007.
A chuvia regresará o venres pola chegada dunha borrasca
A situación meteorolóxica cambiará este venres, 6 de novembro, polo achegamento dunha borrasca desde o Atlántico. A súa fronte cálida irá aumentando progresivamente a nubosidade ata deixar as primeiras precipitacións ao final da xornada, especialmente na metade sur e oeste de Galicia.
O día comezará aínda con néboas nos vales do interior e nubes altas no resto da comunidade. Co paso das horas entrarán nubes medias e baixas que acabarán deixando chuvias febles nas últimas horas.
As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ou moderado ascenso no interior, mentres que as máximas apenas variarán. Os ventos soprarán frouxos do sur-sueste, con intensidade moderada no litoral.
Por cidades, Pontevedra terá a máxima máis elevada, con 19 graos. Ourense e Vigo chegarán aos 18, aínda que a capital ourensá baixará ata os 3 graos durante a madrugada e a cidade olívica quedará nos 8. Ferrol e A Coruña alcanzarán os 17, mentres que Santiago e Lugo non pasarán dos 16. Na cidade lucense agárdase unha mínima de só 2 graos.
O sábado, máis nubes e precipitacións
A inestabilidade continuará o sábado pola influencia dunha borrasca situada ao oeste da península Ibérica. Os ceos permanecerán moi nubrados durante boa parte da xornada e rexistraranse precipitacións, en xeral febles, aínda que serán máis probables na provincia de Pontevedra e no sur da Coruña.
O cambio máis acusado chegará nas temperaturas nocturnas, que experimentarán unha importante subida. As máximas apenas variarán, polo que a diferenza entre os valores mínimos e máximos será pequena.
OuTraS NoVaS
- El Gobierno subirá el salario mínimo un 5,3% en 2027, hasta los 1.286 euros al mes
- Se vas a Calvos de Randín leva unha chaqueta: 9 graos baixo cero que apuntan á baixada de temperaturas en toda Galicia
- Caballero anuncia, de nuevo, asfaltados en 210 calles, tras las constantes quejas por el estado del firme en la ciudad
- ‘Poñede a Rueda na lista de espera’, gritan miles de manifestantes por las calles de Vigo
- ¿Seguirán las tiendas en la Alameda? La acampada de la vivienda de Vigo decide su futuro el sábado (Vídeo)





