Galicia

A Xunta decreta a ‘alerta laranxa’, para este xoves, en A Coruña e Pontevedra

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior alerta dun temporal de mar e vento de nivel laranxa que afectará ás provincias de A Coruña e Pontevedra a partires de mañáSegundo as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir do mediodía agárdanse refachos do sur e suroeste  de ata 110 km/h, no noroeste, interior e suroeste, e de ata 120 km/h no oeste da provincia de A Coruña.

No mar esperase temporal de nivel laranxa, que afectará a partir das 10 da mañá ao oeste da provincia de A Coruña; a partir da 1 ao suroeste da mesma provincia; e a partires das 3 da tarde  ao litoral da provincia de Pontevedra, con ventos do sur e suroeste de forza oito e mar moi grosa, e ondas que poderán oscilar entre os 4 e 5 metros de altura.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das dúas provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e asociacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos das dúas provincias, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Suspensión actividades no exterior
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, previa deliberación da Comisión Escolar de Alertas reunida hoxe, tomou a decisión de suspender as actividades no exterior das instalacións dos centros escolares na totalidade dos concellos da provincia da Coruña, con seguimento das condicións climáticas. Ademais, diante da posibilidade dunha eventual extensión do fenómeno meteorolóxico adverso, prégaselle aos centros situados na proximidade da costa da provincia de Pontevedra, que realicen un seguimento das condicións climáticas.

Recomendacións no mar
Así mesmo, por mor do temporal costeiro que afectará ás costas das provincias da Coruña e Pontevedra, desde a Consellería do Medio Rural e do Mar aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 

También te puede interesar