
A. Buendía | Vigo Al Minuto
A parroquia de Liñares, nas Neves, conta desde este xoves cunha renovada praza de Santa María tras unha reforma que mobilizou preto de 530.000 euros. A actuación, financiada integramente pola Deputación de Pontevedra a través dos programas PON2030 e +Provincia, transformou un espazo no que ata agora o tráfico rodado tiña un papel protagonista.
O proxecto creou unha gran área peonil arredor da igrexa e do centro cultural, con novas zonas de estancia e elementos vexetais. A intervención busca facilitar os desprazamentos a pé e converter a praza nun lugar de encontro para os veciños, ao tempo que reforza a presenza dos dous edificios que articulan este ámbito.
O tráfico queda agora restrinxido a unha zona delimitada da praza, que incorpora tamén unha nova parada de autobús.
Máis de catro millóns mobilizados nas Neves
O presidente da Deputación, Luis López, participou este xoves na presentación da obra xunto ao alcalde das Neves, José Manuel Alfonso. López cualificou o resultado de «espectacular» e asegurou que a intervención pode converterse nun referente para outros concellos da provincia.
Durante o acto, o presidente provincial destacou tamén o investimento realizado polas Deputación nas Neves. Segundo os datos facilitados pola institución, no que vai de mandato foron mobilizados máis de 4 millóns de euros no municipio a través de diferentes programas de cooperación.
Eses fondos destináronse, entre outras actuacións, á mellora de instalacións deportivas e á urbanización de parcelas municipais, ademais da reforma da praza de Santa María de Liñares.
A Deputación sitúa esta intervención dentro da súa aposta polos concellos do interior e polos municipios rurais afectados polo reto demográfico, nos que defende que a mellora dos espazos públicos pode contribuír a facer máis atractiva a vida fóra das grandes cidades.
A reforma de Liñares supón así unha transformación dunha contorna de uso cotián, coa prioridade agora posta nos peóns, as zonas de estancia e os espazos verdes fronte ao tráfico.
OuTraS NoVaS
- La Séptima enciende sus cámaras: nace una nueva televisión con 400 profesionales y una apuesta por la actualidad
- El Gobierno subirá el salario mínimo un 5,3% en 2027, hasta los 1.286 euros al mes
- Se vas a Calvos de Randín leva unha chaqueta: 9 graos baixo cero que apuntan á baixada de temperaturas en toda Galicia
- Caballero anuncia, de nuevo, asfaltados en 210 calles, tras las constantes quejas por el estado del firme en la ciudad
- ‘Poñede a Rueda na lista de espera’, gritan miles de manifestantes por las calles de Vigo





