
A.I. | vigoalminuto
O centro do Porriño está a piques de cambiar de aspecto. As obras da contorna de Pío XII entran na súa recta final e o Concello agarda que a nova praza estea rematada ao longo deste mes de novembro, tal e como avanzara hai uns días o alcalde, Alejandro Lorenzo, nun encontro con xornalistas…e o estado dos traballos confirma que a actuación se achega á súa conclusión.
O proxecto permitirá conectar as rúas Pío XII, recentemente humanizada, Domingo Bueno, Ramón González e Antonio Palacios, nunha intervención que busca reorganizar e revitalizar o corazón urbano do municipio. A operación transforma máis de 4.000 metros cadrados ocupados ata agora por aparcadoiros e parcelas residuais nun novo espazo público para o lecer e a convivencia.
A actuación supera os 2,1 millóns de euros de investimento. Máis de 1,1 millóns proceden da Deputación de Pontevedra, como xa informou vigoalminuto, mentres que a contía restante corre a cargo dos fondos municipais.

A nova praza incorporará zonas verdes, un parque cuberto e unha gran grada que permitirá utilizar o espazo como auditorio ao aire libre. Tamén contará coa instalación artística e urbana El color de la piedra, do estudio Moneo Brock, que xa forma parte da ampliación.
Os traballos pendentes céntranse agora en acondicionar as fachadas traseiras dos edificios, que pasarán a funcionar como frontes visibles da nova praza; completar as pantallas de auga; rematar os espazos axardinados, nos que se plantarán árbores de máis de tres metros, e habilitar as conexións entre a Praza do Pan —situada xunto á Casa do Concello—, Pío XII e a rúa Antonio Palacios.
A seguinte fase chegará en xaneiro, cando está previsto iniciar a intervención cara á rúa Domingo Bueno.

Cine gratuíto en decembro e novo auditorio
A transformación do centro non se limita á renovación do espazo público. O Porriño prepara tamén a apertura de dous equipamentos culturais que ampliarán a oferta municipal.
O cine municipal comezará a funcionar en decembro cunha programación gratuíta durante todo o mes. As proxeccións celebraranse os venres, sábados e domingos, nunha primeira proposta que permitirá recuperar a actividade cinematográfica con acceso libre para o público.
Mentres, o segundo equipamento que abrirá as súas portas será o auditorio municipal, cuxas obras están a piques de rematar. A instalación contará con 350 butacas, escenario, camerinos e equipamento técnico para acoller espectáculos, concertos e outras actividades culturais durante todo o ano.
OuTraS NoVaS
- ¿Seguirán las tiendas en la Alameda? La acampada de la vivienda de Vigo decide su futuro el sábado (Vídeo)
- Recta final da transformación do centro do Porriño: a nova praza de Pío XII abrirá este mes
- Curso gratuito de diseño web para desempleados
- Luisa Sánchez exige a Caballero que dé explicaciones y pida perdón por la condena de Abrir Vigo al Mar (Vídeo)
- O BNG oponse á suba do 5,5% dos salarios dos cargos electos que propón o goberno municipal





