A situación sanitaria en Vigo atravesa un momento crítico marcado pola saturación da Atención Primaria e o colapso das Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro. En varias xornadas recentes, o servizo hospitalario superou os 600 pacientes atendidos nun só día, con doentes que tiveron que recibir asistencia en camas situadas nos corredores ante a falta de espazo.
Anos de recortes e privatizacións
Desde o ámbito político municipal, o portavoz do Bloque Nacionalista Galego en Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que esta situación “xa non pode seguir a ser ignorada pola Xunta” e asegurou que a sobrecarga asistencial evidencia un modelo sanitario “desbordado e esgotado”, froito de anos de recortes e privatizacións.
Quendas só con dúas médicas
No ámbito da atención extrahospitalaria, Igrexas sinalou que o Punto de Atención Continuada (PAC) de Pizarro continúa sen os medios necesarios para asumir a demanda real da poboación. Denunciou quendas nas que só dúas médicas deben atender a toda a área asignada, con esperas prolongadas e unha presión asistencial constante. A isto súmase a ausencia de atención pediátrica especializada, o que obriga a familias e crianzas a desprazarse ás Urxencias hospitalarias para recibir unha atención que podería prestarse no propio PAC.
Ante esta situación, reclámase o reforzo inmediato do PAC de Pizarro, tanto en persoal como en recursos, así como a incorporación de pediatría especializada, co obxectivo de aliviar a presión hospitalaria e garantir unha atención continuada adecuada.
Ademais, proponse a creación de dous novos Puntos de Atención Continuada en Vigo, un na contorna de Navia-Coia e outro en Teis. Estes centros permitirían descentralizar a atención sanitaria, reducir as agardas e evitar a acumulación de pacientes nas Urxencias hospitalarias, especialmente en períodos de alta demanda asistencial.
Outras novas
- Caballero llama «desalmados» a los responsables de la Xunta y los acusa de «engañar» a Inditex
- Feijóo admite ante la jueza que no supo de la DANA hasta la noche del 29 de octubre
- Rescatan a tres ocupantes de un autobús escolar tras chocar con un coche en As Neves
- 1.601 prazas nas oposicións de educación en Galicia, durante este 2026
- Abel Caballero: «La ETEA sin el aparcamiento no vale para nada»
Dereitos sanitarios básicos para a cidadanía
Segundo defenden, a posta en marcha destes novos PAC, cunha dotación suficiente de profesionais médicos, de enfermaría e pediatría, contribuiría a desbloquear a cadea asistencial pública, mellorar a Atención Primaria e garantir dereitos sanitarios básicos á cidadanía viguesa.
“A saturación da Atención Primaria e o colapso das Urxencias evidencian o fracaso do nefasto modelo sanitario do PP en Vigo”, concluíu Igrexas, reclamando unha política sanitaria pública á altura das necesidades reais da poboación e das condicións de traballo das profesionais sanitarias.





