
María L. García | Vigo Al Minuto
A CIG-Saúde da Coruña denuncia que a Inspección Médica está a presionar os médicos de Atención Primaria polo número de pacientes que teñen de baixa. O sindicato asegura que, tras o parón de agosto, varios facultativos da área sanitaria da Coruña e Cee volveron recibir correos electrónicos nos que se lles cita para abordar as incapacidades temporais dos pacientes asignados aos seus cupos.
A organización sindical xa alertara desta práctica o pasado mes de xullo e sostén que as citacións retomadas agora forman parte dunha estratexia máis ampla da Xunta para reforzar o control das baixas médicas.
Segundo a CIG-Saúde, non se trata de actuacións illadas da Inspección, senón dunha política impulsada polo Goberno galego e executada pola Consellería de Sanidade a través da Inspección Sanitaria. O sindicato sinala que a propia Xunta vén anunciando un incremento da actividade inspectora e presentando como resultados o número de persoas citadas, as altas tramitadas e a redución da duración das incapacidades temporais.
«Unha baixa non é unha cifra que haxa que cadrar»
A secretaria comarcal de CIG-Saúde, Isabel Golpe, considera que este modelo introduce unha visión económica na xestión da saúde e advirte de que as baixas e a súa duración poden acabar converténdose en indicadores ou obxectivos para os profesionais.
“Non podemos aceptar que unha médica ou un médico de familia sexa chamado pola Inspección polo número de persoas de baixa que ten no seu cupo”, afirma Golpe. A responsable sindical insiste en que unha incapacidade temporal non é unha cifra que haxa que reducir, senón unha decisión clínica sobre unha persoa que non está en condicións de traballar.
Para a CIG-Saúde, estas citacións poden supoñer unha presión sobre os facultativos para reducir o número ou a duración das baixas, algo que, segundo denuncia, pode entrar en conflito co criterio profesional dos médicos de familia.
O sindicato reclama que cesen as presións sobre o persoal facultativo de Atención Primaria e que se respecte a súa autonomía profesional. Tamén esixe á Xunta que, se existen rangos, indicadores ou obxectivos relacionados coa redución das incapacidades temporais, os faga públicos e transparentes.
A CIG-Saúde cuestiona así que o control das baixas se poida converter nunha cuestión de cifras e custos e reclama que a prioridade sexa a situación clínica de cada paciente e o criterio do profesional que o atende.
OuTraS NoVaS
- A CIG denuncia presión sobre os médicos de familia para reducir as baixas dos seus pacientes
- Incendios en Galicia: Quiroga y Silleda suman casi 500 hectáreas quemadas
- Un accidente con siete vehículos bloquea la A-52 en sentido O Porriño a la altura de Cenlle
- Suplantan a una trabajadora para cambiar su cuenta bancaria y se quedan con su nómina
- Canto custa ir ao médico en Galicia? O Sergas xa pon prezo ás consultas na súa aplicación





