Destacados Vigo al minuto

Protesta ante unha nova talla árbores, desta vez en Navia

Eran parte dun dos poucos anacos de bosque atlántico que quedaba en Vigo

Protesta ante unha nova talla árbores, desta vez en Navia

Veciños e veciñas de Navia, tanto de San Paio como do PAU, asistiron este mércores ao ‘acto de despedida’ da carballeira cortada pola ampliación do Plan Parcial da Xunta, convocado por ADEGA. Primeiramente se oficiou un funeral polos moitos carballos e salgueiros cortados, “de corpo presente aínda, facilmente observables e cuantificables para todos aqueles que queiran cuestionar o relato da Consellería do Medio Rural que asegura que respectaron a carballeira”.

Funeral poético

O funeral pola carballeira desaparecida, cos troncos amoreados e decotados presentes, foi oficiado pola poeta e performer viguesa Silvia Penas. Consistiu no recitado dun poema sobre a identidade da cidade e sobre a súa historia de loita obreira, de comunidade que defende o seu territorio.

Roteiro pola Barroca

A continuación, os asistentes fixeron unha andaina pola Barroca, até as carballeiras ameazadas polo proxecto do Vigo Arena, no que “aproveitamos para escoitar os relatos dos máis vellos do lugar e recuperar a memoria histórica de Navia”.

Entre as críticas lanzadas pola veciñanza imperaba a de “que clase de democracia é esta que practica a corporación municipal cando a toda velocidade e sen preguntar nin consultar cunha morea de propietarios afectados polas expropiacións, deciden anunciar e ir adiante con este macroproxecto de centro multiusos”.

Entenden que existen instalacións como o Estadio de Balaídos, Auditorio Mar de Vigo, ou o Complexo Deportivo das Travesas, mesmo a antiga estación de autobuses (propiedade da Xunta), infrautilizadas. De feito, algúns dos presentes cursaron alegacións, a través dos avogados das dúas Asociacións de Veciños do barrio, na súa maioría por mor da rotonda xigante e aérea que se pretende construír, tal e como figura no PXOM, “e que tamén afectaría as barxas ou fochancas que quedan cruzando a Avenida de Europa pola Rúa Caseliños, unha zona húmida moi interesante a nivel medioambiental, pequeno reduto das existentes antigamente, sobre a que se vai construír o novo vial que conectará Navia con Alcabre”.

“Irregularidades” na aprobación provisional do Plan Xeral

Os veciños e veciñas, e dende ADEGA tamén, “queremos estudar as irregularidades na aprobación provisional realizada o pasado día 28 de decembro, grazas á  maioría absoluta, na que se modificou parte das parcelas sobre as que se asenta a carballeira, agora catalogadas como de uso dotacional, para dar cabida ao proxecto do Vigo Arena”. As Asociacións Veciñais de Navia e ADEGA, adianta que farán o posible por “frear este outro macroproxecto da Alcaldía que remataría definitivamente coas poucas masas de árbores autóctonas que restan na zona”.

También te puede interesar