Destacados Vigo al minuto

O BNG de Vigo pide restrinxir os pisos turísticos para aliviar os problemas de acceso á vivenda

Propón declarar Vigo como cidade saturada

O BNG de Vigo pide restrinxir os pisos turísticos para aliviar os problemas de acceso á vivenda

Propón declarar Vigo como cidade saturada

O Bloque Nacionalista Galego chama a restrinxir os pisos turísticos en Vigo, “cuxo aumento está a agravar os problemas de acceso á vivenda na cidade”. Así, o concelleiro e candidato á Alcaldía polo BNG vén de propoñer unha nova ordenanza municipal que declare Vigo como cidade saturada; impoñendo unha moratoria de cinco anos; creando unha taxa municipal que castigue este “fenómeno especulativo” e realizando inspeccións para aflorar os pisos que operan sen rexistro nin licenza.  

Máis de 1.000 piso turísticos na cidade

Xabier P. Igrexas, cualificou de “alarmantes e da máxima gravidade” os últimos datos inmobiliarios da cidade que apuntan a un novo incremento dos pisos turísticos, superando xa o millar na cidade e duplicando o número de vivendas dispoñíbeis na actualidade para alugueiro residencial.

Igrexas sinalou esta actividade como “un dos factores detrás do encarecemento da vivenda en Vigo, a cidade máis cara de Galiza”. Así, a última alza nos prezos do alugueiro, dun 5%, súmase a un aumento acumulado dun 40% en cinco anos. Unha situación “insoportábel”  na que, advertiu, unha de cada cinco vivendas dispoñíbeis ten xa un prezo mensual superior ao Salario Mínimo Interprofesional.

“Urximos novamente ao goberno de Abel Caballero a actuar con determinación para poñerlle couto a este fenómeno, onde uns poucos fan un lucrativo negocio a golpe de expulsar a millares de familias traballadoras da nosa cidade que non se poden permitir, literalmente, o luxo de vivir en Vigo”, denunciou Igrexas.

As propostas do BNG

Fronte a este contexto, o candidato do BNG trasladou varias propostas ao Goberno municipal, entre elas a elaboración dunha nova ordenanza municipal co obxectivo de restrinxir a proliferación desta actividade. Propuxo nese sentido declarar Vigo como cidade saturada, impoñendo unha moratoria de 5 anos que impida a apertura de novos pisos turísticos até que se “normalicen” os prezos das vivendas en alugueiro.

Ademais, pediu a creación dunha taxa municipal que “castigue economicamente este negocio especulativo”, así como a realización de inspeccións por parte da Xerencia Municipal de Urbanismo para aflorar a “economía sumerxida” de moitos pisos turísticos que non figuran rexistrados nin contan con licenza para operar. 

También te puede interesar