Destacados Vigo al minuto

Ecoloxistas en Acción piden ao Porto de Vigo que paralice os recheos no Berbés

Advirten de que perxudicarán á rexeneración natural do mar, afectando á pesca e marisqueo,

Recheo Berbés, imaxe @VigoVindeiro

Imaxe: @VigoVindeiro/ Ecoloxistas en Acción denuncia a “inxustificada actuación” da Autoridade Portuaria de Vigo no pantalán número 2 da dársena de Bouzas-Berbés. Un novo recheo que ocupará 8.300 m2 de lámina de auga e que prexudicará seriamente á rexeneración natural do mar, afectando á pesca e marisqueo, ademais do seu impacto visual.

3 millóns de metros cadrados da ría

A organización ecoloxista sinala que xa se levan ocupados 3 millóns de m2 da ría de Vigo mediante recheos e a Autoridade Portuaria pretende xustificar esta actuación por falta de espazo. Os ecoloxitas aseguran que a suposta falta de espazo non xustifica este novo recheo, xa que unha boa parte das instalacións portuarias están sendo utilizadas para almacenaxe  ou outras  actividades non propias da pesca.

“Para habilitar o espazo que se demanda é necesario o traslado destas actividades a outros espazos máis axeitados como a Plataforma Loxística de Salvaterra- As Neves, parque empresarial do que é propietaria en parte a propia Autoridade Portuaria”.

Ademais lembran que o Porto de Vigo ten a Delimitación do Espazo e Uso Portuario (DEUP) anulada xudicialmente e que a nova DEUP está aínda en estudo e sen resolver as multiples alegacións cursadas rexeitando novos recheos.

“Pedimos á Autoridade Portuaria que se sume ao consenso da cidade de Vigo en contra de máis recheos e que desbote para sempre este tipo de obras tan prexudiciais para a nosa ría” 
 solicita Javier Fernández, voceiro de Ecoloxistas en Acción Vigo.

También te puede interesar