Comarcas

“Eu son de mercar en Nigrán. E ti de quen ves sendo?”

O Concello de Nigrán lanza unha nova campaña de promoción do comercio local

Nigrán estrea campaña de comercio

O Concello de Nigrán lanza, xunto a Asociación de Empresarios, a campaña de promoción do comercio local ‘Eu son de mercar en Nigrán. E ti de quen ves sendo?’.

A mesmas dá continuidade ao hashtag iniciado no Nadal ‘#VivoEnNigránComproEnNigrán‘. A iniciativa municipal sitúa novamente como protagonistas aos propios comerciantes, seleccionando a máis dunha vintena como imaxe.

8.000 bolsas, carteis, vídeos, pegatinas e vinilos

“Esta é a campaña municipal máis ambiciosa ata o momento”, sinala o alcalde. Juan González indica que “queremos seguir apelando á responsabilidade individual para que as rúas de Nigrán sigan con vida e para que superemos xuntos esta crise sanitaria e económica”.

A campaña inclúe difusión publicitaria e en redes; regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio; vinilos para escaparates, pegatinas ou a próxima estrea de oito vídeos.

“Os vinte comerciantes actúan como a voz de todo o tecido comercial do municipio, xuntos subliñan que non é preciso saír de Nigrán para mercar produtos da mellor calidade”, incide o alcalde. Así, participan desde unha peixaría, tendas de roupa, hostaleiros, bazares, un taller de rodas ou unha mercería.

A campaña terá continuidade no tempo, polo que desde o Concello de Nigrán animan a todos aqueles comerciantes interesados en participar coa súa imaxe a escribir a [email protected].

Todo o material promocional (bolsas de papel kraft, vinilos para os escaparates, pegatinas e carteis) estará entregado pola asociación de comerciantes entre os seus asociados. Os non asociados deberán dirixirse ao Concello (Oficina de Información Cidadá, luns a venres de 9:00 a 14:00).

O Concello de Nigrán xa ten elaborado un decálogo que enumera os motivos para mercar no municipio. “Porque xuntos venceremos esta crise. Somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo as rúas con vida. Axudas as persoas emprendedoras e xeras emprego. Porque a riqueza se queda no pobo. Evitas maiores desprazamentos e resulta ecolóxico. Porque ti nos importas”.

You may also like