O Bloque Nacionalista Galego denuncia unha “grave discriminación” do Goberno municipal de Vigo por vetar o acceso de feirantes ao Concello. A casa consistorial apareceu este xoves valada e cun operativo policial que, “segundo puido comprobar in situ a fronte nacionalista, identifica a persoas por motivos raciais e restrinxe o acceso a todas as persoas que se recoñecen como feirantes”, e que acuden para rexistrar documentación ante a falla de resposta da área de Seguridade.
“Sen precedentes e sen motivación legal”
Para o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, trátase dunha decisión “sen precedentes e sen motivación legal”, dado que as dependencias do Concello son un espazo público que debe ficar aberto a toda a cidadanía. “O Bloque puido constatar de primeira man como os axentes da Policía Local están a filtrar e identificar o acceso de persoas á lonxa do Concello en base a motivos raciais, como persoas de etnia xitana ou negra, permitindo o acceso libre do resto da veciñanza que non responde a estes trazos. Ás persoas que se lles impide o acceso para realizar xestións se lles deriva co 010″.
“Feitos gravísimos”
“Unha medida absolutamente discriminatoria e inaceptábel por parte dunha Administración pública”, criticou Igrexas, quen avanzou que diante destes “feitos gravísimos” a fronte nacionalista vén de esixir por escrito explicacións do alcalde como máximo responsábel municipal. Aliás, demandan depurar responsabilidades por unha instrución e unha operativa que consideran atenta contra os dereitos fundamentais.
“Non vamos tolerar que co pretexto da seguridade ou de previr hipotéticos incidentes o Goberno municipal de Abel Caballero coloque barreiras raciais no acceso da Casa do Concello, que é a casa de todas e de todos“, remachou Igrexas.
Tamén en vigoalminuto
- O martes saen á venda as entradas para Vanesa Martín e o mércores para Jason Deluro
- El ‘ascensor inclinado’ de Camelias, volverá a funcionar desde este lunes
- La Justicia desestima el recurso del Concello de Vigo y ratifica que la gestión de la presa de Eiras corresponde a Augas de Galicia
- Crsitóbal Montoro habría obtenido de la Agencia Tributaria datos reservados sobre políticos y famosos
- Luis López anuncia unha partida de 4,4 millóns para a conservación de firmes das estradas da rede viaria provincial
- Arrestado tras agredir a su ex pareja golpeándole la cabeza contra una pared
Reacción do Goberno e da Policía Local
Dende o Goberno municipal o concelleiro Carlos López Font nega que se impedise a entrada ao Concello e asegura que “non houbo inicidencia algunha, nin dentro, nin fora das instalacións municipais”.
Igualmente, nunha nota, a Policía Local desminte, “de forma rotunda que se producise discriminación por razón de raza, etnia ou calquera outra circunstancia persoal ou social”. Os axentes, aseguran os responsábeis do 092, “actuaron exclusivamente conforme aos criterios operativos de orde e seguridade, con respecto estrito aos dereitos fundamentais de todas as persoas”.
Neta liña, explican que sempre que se prevé a concentración numerosa de persoas no entorno do Concello, establécense medidas de organización e seguridade, “co único obxectivo de garantir que todos os cidadáns poidan acceder libremente ás dependencias municipais, especialmente aqueles que teñen citas concertadas ou precisan realizar xestións administrativas”. Para tal fin, “delimítase mediante valado un itinerario claramente sinalizado, que permanece en todo momento aberto ao tránsito peonil e permite o paso á Casa Consistorial sen restricións indebidas”.
A Policía Local afirma que a cidadanía que desexe exercer o seu dereito á protesta ou á concentración pode “facelo con plenas garantías, sempre que non se obstrúa o acceso principal nin se impida o normal funcionamento dos servizos municipais”.