'Qué te cuentas?' Ciencia y Tecnología

A sanidade pública de Vigo líder no recambio de válvula mitral cun procedemento mínimamente invasivo

O Álvaro Cunqueiro convértese no primeiro hospital de Galicia e no terceiro de España en realizar esta técnica

A Área de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) incorporou á súa carteira de servizos unha nova técnica pola que é posible substituír a válvula mitral no corazón do paciente por unha próteses a través dun procedemento minimamente invasivo, por unha pequena incisión no tórax.

O Cunqueiro, primeiro hospital galego en realizar esta técnica

O Álvaro Cunqueiro convértese no primeiro hospital de Galicia e no terceiro de España en realizar esta técnica. Coa súa posta en marcha, Galicia sitúase á vangarda deste tipo de tratamentos.

Os primeiros receptores foron dous pacientes, unha muller de 68 anos e un home de 77, aos que a pasada semana implantóuselles unha prótese da mitral a través da vía transapical.

Segundo explica un dos responsables destas intervencións, o cardiólogo Rodrigo Estévez-Loureiro, “a abordaxe consiste en levar a endoprótese ata o corazón, utilizando un catéter que se introduce a través dunha pequena incisión debaixo do peito do paciente ata conseguir a súa colocación definitiva na posición correcta”.

Todo este proceso, sina la o doutor Estévez Loureiro, se realiza sen parar o corazón.Estamos moi satisfeitos cos resultados nos dous primeiros pacientes, xa que resultou un éxito e ambos están xa en planta e presentan unha evolución favorable”.

Mellores resultados

Debido ó alto risco dunha operación cirúrxica convencional neste tipo de pacientes, o servizo de Cardioloxía dirixido polo doutor Andrés Íñiguez e o de Cirurxía Cardíaca dirixido polo doutor Juan José Legarra decidíronse a realizar a implantación de endopróteses mediante técnicas a través de catéter, que son moito menos invasivas. Están indicadas en pacientes que non son bos candidatos a cirurxía convencional.

 “Con estas técnicas minimamente invasivas, evítanse gran parte dos riscos e as complicacións asociadas a unha cirurxía clásica de corazón. Este último procedemento  está especialmente indicado en pacientes que presentan perda de forza do corazón, con insuficiencias mitrais severas funcionais e de alto risco cirúrxico. Calculamos que poderíamos realizar entre 5 e 10 casos anuais de implantación valvular mitral por medio desta abordaxe”, explica Estévez-Loureiro.

Prótese especialmente deseñada 

O equipo de especialistas do Complexo hospitalario vigués conta con gran experiencia nos implantes de determinadas próteses de corazón. “Sen embargo, o recambio da válvula mitral non é como a da aorta. É moito máis complicado, xa que a mitral é unha válvula de maior tamaño e que está nunha localización delicada, rodeada de outras estruturas cardíacas importantes”, explica o doutor Estévez-Loureiro.

Outra das vantaxes deste procedemento, ademais de evitar a cirurxía aberta, radica na mesma próteses, que está especialmente deseñada para acomodarse ao anelo mitral e quedar perfectamente selada para evitar fugas de sangue do ventrículo á aurícula.  

A prótese é de Nitinol, aliaxe de níquel e titanio, presenta unha gran elasticidade e está recuberta dunha membrana para conseguir un adecuado selado do anel.

Equipo multidisciplinar

Na realización destes procedementos participaron de forma conxunta facultativos e persoal de enfermería das Unidades de Cardioloxía Intervencionista, Imaxe Cardíaca, Cirurxía Cardíaca, Cardioloxía Clínica e Anestesia, xa que se ben se trata dun procedemento menos invasivo que unha operación a corazón aberto, é necesaria igualmente a colaboración multidisciplinar de varios especialistas.

O equipo sanitario controla os movementos do catéter e o modo en que se van desenvolvendo todos os pasos a través de distintas técnicas de imaxe como a fluoroscopia, a ecocardiografía transesofáxica e o TAC.

230 reparacións ou substitucións de válvulas cardíacas

O Servizo de Cardioloxía do CHUVI é líder en España na implantación ou reparación de válvulas cardíacas mediante técnicas minimamente invasivas. Anualmente fanse no servizo unhas 230 reparacións ou substitucións de válvulas cardíacas por estes medios.

Estas cifras sitúan ao Hospital Álvaro Cunqueiro á cabeza dos hospitais españois en canto a estas técnicas de intervencionismo estrutural.

También te puede interesar