Comarcas

A Mancomunidade do Baixo Medio urxe á Xunta a aclarar o novo servizo de autobús

Advirte de que a información é deficiente, baixan as frecuencias e hai eivas nas liñas circulares

A Mancomunidade do Baixo Miño ven de amosar o seu malestar “pola falta de información da Xunta no referido ao inicio da nova concesión de transporte público na comarca”.

Dende a Mancomunidade sinalan que a complexidade da páxina ofrecida para informarse das novas rutas e horarios resulta “flagrante”, especialmente para a xente maior que emprega o servizo.

Sin información dos novos horarios e viaxeiros ‘tirados’ nas paradas

Xa son varios os veciños que transmitiron as súas queixas logo de estar esperando na súa parada debido ao descoñecemento dos novos horarios. A confusión débese á “deficiente información” que se lles ofrece, dada a inexistencia de material informativo nas estacións de autobuses nin nas paradas.

Só poden atoparse os horarios de xeito ‘on line’

A información só é accesible para o público de xeito online, o que non ten en conta a fenda dixital que padecen boa parte das persoas que empregan o servizo. Mesmo así, se un usuario quere informarse a través do sitio web da empresa concesionaria, Lugove, este só verá unha mensaxe que o informa de que o sitio web se atopa en construcción.

O único xeito que a Xunta ofrece para coñecer as novas rutas e horarios é mediante a web bus.gal. Esta só ofrece uns documentos descargables que presentan unha “complexidade manifesta”.

Baixa do prezo do billete para ir ao Cunqueiro e á Universidade…

Con respecto á nova organización do transporte, desde a Mancomunidade valoran positivamente que se tivesen en conta algunhas das súas alegacións Entre elas están a diminución do prezo dos billetes ou o aumento de frecuencias cara o Hospital Álvaro Cunqueiro e o CUVI.

…pero baixa a frecuencia, especialmente pola maña

Non obstante, consideran que desde a Xunta non se están solucionando os problemas que impiden que a comarca estea ben comunicada”, especialmente no que se refire á cuestión das frecuencias, onde hai unha diminución clara nalgunhas liñas, especialmente no horario de mañá.

Asemade, a petición de ofrecer unha solución para que alumnado do IES da Sangriña procedente doutros concellos puidese ir ao centro escolar cumpriuse só parcialmente. Isto débese, subliñan dende a Mancomuniadede, a que hai incompatibilidade existente entre as liñas que cubren estes territorios e o horario escolar. Ademais, tamén se detectan eivas en moitas das liñas circulares, onde as frecuencias son insuficientes, o que impide que moita xente que as emprega para poder facer xestións nas vilas logo non teña xeito de volver.

También te puede interesar