RGPD - Cookies
Destacados Vigo al día

O BNG demandará ao Goberno do Estado a paralización do recheo do Berbés

O seu deputado, Nestor Rego, presentará unha iniciativa no Congreso demandando que non sigan as obras

O Bloque Nacionalista Galego anunciou esta mañá que demandará do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) a paralización das obras do recheo para a ampliación do pantalán número dous da dársena de Bouzas, no Berbés.

Un recheo de 8.300 metros cadrados

As actuacións veñen de reiniciarse nos últimos días nun proxecto co que a Autoridade Portuaria pretende aterrar 8.300 metros cadrados. Unha «agresión ambiental» que, para o BNG, non debe continuar mentres non se teña aprobado de maneira definitiva a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) de Vigo.

A DEUP atópase arestora en fase de avaliación ambiental estratéxica e ten recibido numerosas alegacións por parte de colectivos ecoloxistas e entidades sociais. Tamén o Bloque alegou esixindo a suspensión da avaliación simplificada e a realización dun proceso ordinario.

«Non ten sentido ningún que cando o Porto de Vigo non ten un documento imprescindíbel para planificar e ordenar a súa superficie –a DEUP–, se estea executando un novo recheo», criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Iniciativa parlamentaria no Congreso dos Deputados

Igrexas anunciou que a través dunha iniciativa do deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, demandarán que o Goberno español ordene a inmediata paralización das obras. Aliás, o portavoz municipal nacionalista demandou unha «oposición firme» por parte do Goberno local.

«Hai uns días Abel Caballero pregoaba o seu non a novos recheos portuarios. Ten que pasar das palabras aos feitos e adoptar todas as medidas políticas, administrativas e xurídicas das que dispón para frear esta agresión no Berbés», acrecentou.

También te puede interesar