Comarcas

@depo_es empeza en @AsNevesConcello as obras de mellora das estradas de O Rabelo e Ribarteme

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciará neste mes de xaneiro as obras das dúas estradas provinciais previstas para o concello de As Neves: no barrio de O Rabelo e na parroquia de Ribarteme.

Segundo explica o deputado Uxío Benítez, quen visitou o lugar acompañado do alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, as actuacións suporán a construción dunha senda peonil de 800 metros e a mellora da contorna da igrexa parroquial, respectivamente, cun investimento de preto de 300.000€.

No caso da estrada provincial que pasa polo barrio de O Rabelo, a EP-4006 ao seu paso pola parroquia de Tortoreos, a actuación realizarase no treito vello da estrada provincial para facilitar o tránsito dos moitos alumnos e alumnas cara aos centros de ensino de formación profesional da zona.

O novo proxecto aproveitará a sección actual da vía e tamén as beiravías para deixar a mencionada senda e un carril de circulación que terá sentido ascendente entre o barrio do Rabelo e a glorieta. Instalaranse medidas de calmado de tráfico: pasos de peóns sobreelevados e tamén redutores de velocidade físicos para os vehículos que obrigarán a frear aos condutores. Unha vez a mellora estea realizada pola empresa COVSA, que dispón dun prazo de execución de catro meses, este treito da vía será transferida ao concello para o seu mantemento.

Por outra parte, a mellora da contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme será responsabilidade da empresa Construcciones Casas, que disporá de tres meses de prazo de execución. A actuación na estrada provincial EP-4201 entre Setados-Ribarteme-Vide comprenderá 1.900 metros cadrados e buscará “crear un espazo atractivo, seguro e accesible, potenciando actividades e poñendo en valor a arquitectura do edificio parroquial e o propio espazo público”.

Segundo explica o deputado, o proxecto, denominado ‘Mellora da seguranza viaria na EP-4201 na contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme’ ten un orzamento de licitación de 191.760,92 euros e foi adxudicado por 151.107,61€.

A actuación pretende calmar o tráfico e mellorar a seguridade e a mobilidade peonil, poñendo en valor dun xeito sensible o espazo e o elemento protexido cunha praza frontal á igrexa pavimentada con adoquíns e bandas de pedra. Haberá tamén pavimentos de formigón coloreado nas zonas anexas á vía.

También te puede interesar