Comarcas Galicia

64 médicos e enfermeiras de Vigo, Porriño, A Guarda, Tui, Redondela, Ponteareas, A Cañiza, Moaña ou Cangas alertan da falta de persoal para atender aos enfermos nos PAC

“Os PAC levan tempo traballando en mínimos e estanse permitindo descubertos que propiciarán que algo irremediábel suceda algún día

64 médicos e enfermeiras de Vigo, Porriño, A Guarda, Tui, Redondela, Ponteareas, A Cañiza, Moaña ou Cangas, veñen de esixir a Sanidade que explique os motivos a falta de persoal “que esta semana volveu deixar descubertos nos reforzos do sábado 21 de xullo no PAC (Punto de Atención Continuada) do Val Miñor, nos do sábado 21 e domingo 22 no PAC da Guarda, e varias horas o domingo 29 -coincidindo coa festa do peixe espada-; tamén este domingo 29 no PAC de Ponteareas”.

En todos estes PAC, subliñan, “lembremos que son dispositivos que se encargan de asegurar a asistencia sanitaria da poboación durante as tardes e fundamentalmente durante as noites, fines de semana e xornadas festivas”– trabállase co mínimo persoal.

Hai uns días este colectivo de sanitarios denunciou nos medios de comunicación a situación, e “a Xerencia  da Área Sanitaria de Vigo acusounos de querer crear alarma na poboación”. Ao seu xuizo, o que non queren ver os responsábeis da Área Sanitaria, é que a alarma é real

“Os PAC levan tempo traballando en mínimos e estanse permitindo descubertos que propiciarán que algo irremediábel suceda algún día. Non hai efectivos, e os que quedan estamos esgotados, maltratados e sobrecargados: cremos que non denunciar esta situación é igual de irresponsábel que negar a súa existencia”.

Estes profesionais instan a Sanidade a buscar unha solución a un problema esperado e real. “A situación na que nos atopamos non é ningunha sorpresa, sabíamos hai tempo que isto ía ocorrer. O único que amosan os feitos é que non existe vontade de arranxar nada e o de que ‘non hai médicosnas listas’ non é máis que unha escusa para non actuar e seguir deixando ao azar e á improvisación a cobertura sanitaria de toda unha poboación”.

También te puede interesar