Comarcas

@depo_es inaugura este domingo unha nova edición de ‘Depotermal’ con 58 persoas da provincia

58 persoas da provincia maiores de 50 anos inaugurarán este domingo desde o Hotel Carlos I de Sanxenxo e desde o Hotel Balneario de Cuntis o programa da Deputación de Pontevedra “Depotermal 2017”. Este programa ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, a través de facilitarlles o acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función como período de vacacións e tratamento sanitario.  Ademais, “DepoTermal” pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

‘Depotermal’ tamén promove espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento das persoas maiores e as situacións de soidade que poidan levar á súa vulnerabilidade. Trátase dunha iniciativa que se desenvolve entre setembro e decembro e da que se benefician 4.000 maiores da provincia, a través de estancias en establecementos termais coa modalidade só diúrna, acudindo diariamente durante cinco días consecutivos, ou con aloxamento completo de domingo a venres.

Así, dende este domingo ata o vindeiro venres 29, 33 maiores da provincia de Pontevedra gozarán dunha estancia completa no Hotel Spa Carlos I de Silgar, en Sanxenxo e 25, no Hotel Balneario Termas de Cuntis. Todos eles e elas proveñen dos concellos de Vigo, Nigrán, Pontevedra, A Guarda, Arbo, Mos, Cangas, O Porriño e Marín.

Durante este mes, e no que queda de ano, 4.000 maiores de 48 concellos da provincia poderán gozar do programa “Depotermal” a través das súas dúas modalidades. Ao igual que na pasada edición ofértanse prazas gratuítas para persoas en situación ou risco de exclusión social e sen recursos económicos. En concreto esta iniciativa serve para ofrecer 434 prazas de balde.

“DepoTermal”, que está dirixido a persoas empadroadas na provincia nadas antes do 1 de xaneiro de 1967, ou aquelas que nacendo con posterioridade son pensionistas, teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 65% ou precisan dun respiro familiar, desenvolverase nun total de 12 establecementos: Hotel Spa Nuevo Astur, Vilalonga (Sanxenxo), Hotel Spa Via Argentum (Silleda), Hotel Spa Carlos I Silgar (Sanxenxo), Hotel Benestar Spa Moaña, Balneario de Mondariz, Talaso Hotel Oia Baiona, Balneario Hotel Eurostars Illa da Toxa, Balneario de Cuntis,    Hotel Spa Norat (O Grove), Hotel Talaso Louxo A Toxa (O Grove) e Gran Talaso Sanxenxo.

Os 48 concellos adheridos a “DepoTermal” son os seguintes: Agolada, Arbo, Barro, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilanova e Vilagarcía de Arousa.

También te puede interesar