Vigo al minuto

@depo_es sinala que a ocupación turística deste verán na provincia foi a mellor da historia

A presidenta da Deputación deu a coñecer este luns os datos relativos á ocupación de hoteis e establecementos rurais das Rías Baixas durante o pasado mes de agosto. Carmela Silva, que cualificou os resultados de “históricos”, ao ser os mellores dende que existen rexistros, amosou a súa satisfacción “porque os datos poñen de manifesto que o sector turístico da provincia de Pontevedra ten unha alta capacidade e que xa somos a cuarta zona turística con maior auxe en España”.

A comezos do verán a presidenta provincial daba a coñecer as previsións que dende Turismo Rías Baixas se agardaban para os meses de xullo e agosto. Ao respecto Silva subliñou que “superamos as nosas previsións con creces xa que en xullo tivemos unha ocupación do 84%, en conxunto, 7 puntos por riba do previsto, e en agosto os datos foron aínda mellores”. Máis polo miúdo, Silva salientou que “tendo como referencia os datos do INE, que se recollen dende 1999, este é o mellor mes de agosto en Rías Baixas dos últimos 18 anos, por riba de agosto de 2016 e agosto de 1999, cando a ocupación se situou no 74,9%”.

Segundo informou a presidenta da Deputación de Pontevedra, os datos de Turismo Rías Baixas confirman que o mes de agosto pechou cunha ocupación hoteleira media provincial do 91,11%, “é dicir, case 12 puntos por riba do previsto e 2 puntos por riba dos resultados obtidos no mesmo mes do 2016, cando a ocupación acadou o 89,2%”.  Estes resultados, tal e como asegurou Carmela Silva, “xa nos sitúan como a cuarta zona turística con maior auxe en España, con pernoctacións que medraron, no primeiro semestre do ano, un 3,7% e visitantes que tamén o fan un 9%, o que nos sitúa como a provincia galega máis atractiva xa que estamos a recibir ao 40% dos visitantes que elixen Galicia como destino”.

Máis en concreto, a comarca do Salnés rexistrou unha ocupación hoteleira do 95,12%, sete puntos por riba que agosto de 2016, cando a porcentaxe acadou o 88%. No caso desta comarca, a presidenta provincial subliñou que os hoteis de catro estrelas acadaron o 100% da ocupación e que vilas como Sanxenxo ou O Grove superaron en catro puntos o rexistrado en agosto do ano pasado.

Na comarca de Pontevedra, segundo as estimacións de Turismo Rías Baixas, prevíase unha ocupación superior ao 80%, “e o certo é que –tal e como manifestou Silva- foi do 92,25%, é dicir, máis de doce puntos por riba que os obtidos en agosto de 2016 e tamén doce puntos máis do previsto”.

Para a comarca do Morrazo se agardaba unha ocupación do 86,7% e finalmente se chegou ao 97,6% o que supón once puntos por riba das estimacións realizadas a comezos de verán por Turismo Rías Baixas e case oito puntos máis que o acadado en agosto de 2016. Na mesma liña aconteceu na comarca de Caldas, onde se esperaba unha porcentaxe do 81,53% e se superou o 91,72%, é dicir, once puntos máis do previsto.

Pola súa banda, a comarca de Vigo rexistrou unha ocupación hoteleira do 93,5%, é dicir, máis de 8 puntos por riba do estimado a comezos de verán e case seis puntos máis que os resultados obtidos en agosto de 2016, cando se chegou ao 88%. No caso desta comarca, a presidenta da Deputación de Pontevedra informou que durante os días nos que se celebrou o Festival do Marisquiño a ocupación foi do 100% en Vigo e en toda a súa comarca. Ao respecto, Silva tamén deu a coñecer que o sector turístico da comarca “cualifica o mes de agosto como histórico e adianta que na primeira quincena de setembro agardan superar o 70% de ocupación”.

No Baixo Miño, a ocupación hoteleira foi do 90,3% o que supón case catorce puntos máis do estimado. Un resultado similar se obtivo nas comarcas do Condado e A Paradanta nas que, co 84,75% de ocupación hoteleira, se superaron en trece puntos as previsións efectuadas por Turismo Rías Baixas a comezos de verán.

En canto ás comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, a Deputación de Pontevedra estimaba unha ocupación do 68,75% e finalmente a porcentaxe ascendeu ao 83,6%, é dicir, case quince puntos por riba do previsto e acadando resultados similares a agosto do 2016.

A presidenta provincial adiantou que “o sector nos está a trasladar que setembro continuará esta tendencia crecente rexistrada durante o verán e que se confirma con datos que xa contabilizan nestes momentos portais de reservas como booking.com”. Ao respecto, Silva daba a coñecer que, segundo os portais on-line, Rías Baixas ten xa o 83% das prazas reservadas, ascendendo ata o 100% as efectuadas en Pontevedra, o 95% en Baiona, o 85% en Vigo e o 76% nas comarcas do Salnés e O Morrazo.

Carmela Silva asegurou que “estes datos corroboran que o sector turístico ten unha grande capacidade e por iso imos seguir traballando para que se desestacionalice, para que se impulsen novas actividades como o turismo ornitolóxico, o termalismo, a cultura, a natureza, promovendo o destino como o fixemos en Fitur, en Madrid, En Lisboa, en Oporto, en revistas especializadas, blogs, webs e en contacto con influencers”. “Por todo isto – engadiu a presidenta da Deputación – o noso compromiso con este sector é fundamental xa que se trata dun motor de desenvolvemento económico que representa o 11,5% do Produto Interior Bruto e o 13% do emprego da provincia de Pontevedra”.

También te puede interesar