Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

So un 3,1% de toda a poboación da área sanitaria de Vigo elixe Povisa coma centro de referencia para atención especializada

Do total da poboación da área sanitaria de Vigo que podía elixir a a clínica privada Povisa  como centro de referencia para atención especializada – 71.039 usuarios- tan só solicitaron o cambio 3.215 persoas, o que representa o 3,1 %. Así, as solicitudes de cambio para recibir atención hospitalaria no centro concertado diminuíron nun 52% con respecto ao ano anterior, no que  rexistráronse 6.548.

Destas 3.215 solicitudes foron autorizadas todas excepto as últimas 177, desestimadas por ter acadado este hospital a cifra tope de 139.000 pacientes que establece o concerto asinado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) con este centro sanitario. O criterio empregado para esta desestimación foi a “orde cronolóxica”, isto é: as peticións de cambio non autorizadas corresponden ás presentadas o último día do prazo oficial estipulado, o 30 de novembro.

Como conclusión,  trala Resolución do Servizo Galego de Saúde do 17 de outubro de 2016, que regulaba o procedemento para que os beneficiarios da Seguridade Social de determinados  centros da área sanitaria de Vigo puidesen elixir libremente hospital durante o plazo legalmente establecido, 3.038 cambiaron a Povisa e 779 ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), sendo o saldo final de  2. 259 pacientes incorporados ao policlínico privado. En resumo: a poboación da área de Vigo asignada ao centro sanitario Povisa, con data 1 de decembro é  139.000 persoas.

Segundo indica o Servizo Galego de Saúde, hai que subliñar que os cambios do CHUVI a Povisa “prodúcense no ámbito de residentes no perímetro deste hospital, mentres que os cambios de Povisa ao Chuvi concéntranse fundamentalmente nos usuarios da comarca de Val Miñor e Coruxo”.

Este ano, o Servizo galego de Saúde continúa ofrecendo a opción de elixir cambiar de hospital aos usuarios dos mesmos centros que o pasado ano, incluíndo Nicolás Peña e Pintor Colmeiro, que xa habían sido autorizados no mes de febreiro. Esta decisión adoptouse, indica Sanidade, “tendo en conta a súa ubicación e facilidade de acceso alegada pola poboación deste centros que solicitaba o cambio”.

Estes centros veñen a sumarse aos que xa tiñan cupos co Policlinico de Vigo Sociedade Anónima como referencia hospitalaria: Rosalía de Castro-Beiramar, Coia, Coruxo, López Mora e Navia.  A istos, hai que engadirlles  os cidadáns dos concellos tradicionalmente asignados a POVISA, os das comarcas de e O Morrazo e Val Miñor

O concerto vixente establece que anualmente se abrirá  un novo período para exercer o “dereito de libre elección de centro”, que vai dende o 1 ata o 30 de novembro de cada ano.  O cambio de hospital é efectivo no momento en que o usuario presenta a súa solicitude e é adscrito polo Sergas. A petición leva implícita a súa permanencia ata a apertura do seguinte período anual no que de novo poderá exercer o seu dereito de libre elección.

You may also like