A Deputación de Pontevedra quere crear un novo centro de acollida de cans na zona sur da provincia que complemente ao actual da Armenteira (Meis), para o que xa se están estudando diferentes fórmulas de colaboración con diferentes entidades e colectivos.
O centro actual presta o servizo de recollida e acollemento de cans “con gran eficiencia, xa que ten unhas dimensións considerables e está moi ben dotado”, pero abarca un territorio moi amplo, 49 concellos do norte, centro e sur da provincia.
Segundo a institución provincial, existen dificultades á hora dos transportes e recollidas de animais en canto aos tempos, e tamén é máis complexo facilitar as adopcións e poñer en marcha de campañas de concienciación nos concellos que quedan máis lonxe.
Ata primeiros de decembro foron adoptados 430 cans, o que supón un grande aumento respecto do ano anterior, cando se conseguiran 320 adopcións. CAAN entregou este ano 927 animais, sendo 291 dados aos seus propietarios no lugar do aviso por estar correctamente identificados, e 206 recollidos polos donos no propio centro ao non ser posible contactar con eles no momento da captura.
No ano 2015 foran 246 os entregados no lugar do aviso, 203 os recollidos polos donos no centro e 320 os adoptados, chegando a 769. O exercicio anterior os cans entregados no lugar foran 170, 177 os recollidos no centro, e 390 os adoptados, facendo un total de 737 animais recuperados. En total, dende o ano 2013 máis de 1.300 cans atoparon un novo fogar grazas ao CAAN. Na canceira hai nestes momentos preto de 600 animais.
En canto á persecución do delito, durante o 2016 tramitáronse 80 denuncias por abandono ou maltrato, baixando en 20 con respecto doutros anos.