Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

@uvigo y Deloitte lanzan unha cátedra especializada en ciberseguridade

O imparable avance da tecnoloxía trae consigo innumerables beneficios para a sociedade, pero tamén un importante aumento dos riscos tecnolóxicos, cada vez máis habituais, sofisticados e perigosos. Neste contexto a Universidade de Vigo e a empresa Deloitte, firma líder nos sectores de consultaría e auditoría, crean a Cátedra Deloitte de Ciberseguridade que a comezos de anos arrancará a súa actividade tras asinarse esta mércores o convenio de creación.

O principal obxectivo da cátedra é promover o desenvolvemento de competencias profesionais do alumnado universitario e doutros profesionais, mellorando a capacitación e ampliando ou actualizando os seus coñecementos, técnicas e habilidades no ámbito da ciberseguridade. Neste sentido o reitor Salustiano Mato insistiu en que a Universidade reúne aos principais expertos e expertas que hai en Galicia arredor desta temática, “xa que combinamos especialistas en telecomunicación, matemáticas, informática… que xuntos complementan as súas capacidades”.

Entre as principais ideas a desenvolver ao longo do vindeiro ano, e sucesivos, están, ademais dos cursos, abertos a profesionais en activo, a organización de conferencias, seminarios, foros… en Vigo e Ourense, dirixidos ao gran público e relacionadas cos problemas reais de ciberseguridade, tanto no ámbito dos cidadáns (uso fraudulento de tarxetas de crédito, datos persoais empregados para calquera uso…); como para os máis mozos (ciberacoso, ciberbullying, sexting…); e as empresas (datos de clientes/proveedores, datos sensibles da propia empresa, ataques ao funcionamento diario da compañía…).

De cara a premiar ao alumnado máis competente, os responsables da cátedra barallan tamén a creación de varias bolsas de excelencia académica, para aqueles que consigan mellores resultados académicos, e a edición de folletos e vídeos breves sobre os principais ciberdelitos que axexan á sociedade, con principal incidencia en nenos e adolescentes.

A maiores, contémplase tamén a posibilidade de editar un libro introdutorio á ciberseguridade en empresas con fins divulgativos e baseado nos principais estudos e materiais desenvoltos por distintas axencias e empresas, así como a experiencia de profesionais do ámbito.

También te puede interesar