Galicia

Centos de persoas maniféstanse no Porriño pedindo unhas condicións laborais dignas en Frigolouro

frigolouro

Centos de persoas percorreron hoxe as rúas do Porriño nunha manifestación de apoio ao persoal de Servicarne, autónomos e autónomas dependentes da empresa de procesados cárnicos Frigolouro, que reclaman unhas condicións laborais dignas.

Convocada pola CIG, os delegados sindicais celebraron unha asamblea antes de saír á rúa para explicar a situación que se está a vivir na empresa, con traballadores como “falsos autónomos, xa que a situación vai máis alá dos autónomos dependentes”, xa que traballan en exclusiva para o Frigolouro, empresa do grupo Coren “que foi destruíndo emprego estable ao longo destes anos para entregarllo a unha subcontrata”. Así, o cadro de persoal de Frigolouro pasou de 600 traballadores a 360, mentres que os empregados de Servicarne xa son 224.

Condicións laborais precarias

O sindicato denunciou que as condicións laborais destes traballadores son máis que precarias, xa que non teñen horario de traballo nin un salario fixo senón que cobran por hora, están sometidos a ritmos de produción “salvaxes que provocan enfermidades profesionais que non lles son recoñecidas”, non teñen dereito a vacacións nin a prestacións por baixa laboral ou accidente de traballo e están suxeitos a posibles sancións de ata 300 euros.

Ao mesmo tempo, a CIG lembrou que outra das reivindicacións do persoal pasa pola readmisión dos cinco compañeiros despedidos despois de participar na folga e nas mobilizacións.

También te puede interesar