Bombeiros profesionais de Galicia crearán unha asociación e denunciarán o sistema de emerxencia de Galicia

Membros dos corpos de bombeiros de Galicia, integrantes da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, rexistraranse como asociación profesional co fin de interpoñer unha denuncia ao “actual sistema de emerxencias existente en Galicia e contra a privatización dos servizos públicos”.

Este colectivo ten previsto acudir ao rexistro da Xunta o próximo mércores, día 8, ás 11 e media da mañá, para cumprir con este trámite, antes de interpoñer a denuncia no rexistro.

Nun comunicado, critican que a Xunta e as demais administracións públicas con competencia na materias “cederon a empresas privadas e a outros entes non profesionais as funcións de protección dos dereitos e liberdades públicas dos cidadáns e dos seus bens”, que levan a cabo os corpos de bombeiros e o exercicio da cal, sinalan, “queda reservado a funcionarios públicos”.

A futura asociación tamén ten como fin a consecución dun estatuto do bombeiro, de maneira que se defenderá a figura do “bombeiro profesional” e tamén se perseguirá o seu recoñecemento como “axente da autoridade” no exercicio das súas funcións.

Entre os seus obxectivos, figura promover o desenvolvemento da normativa específica en relación aos servizos de extinción de incendios e salvamento de Galicia e procurar a “consecución e defensa dun servizo de extinción de incendios público de calidade, que garanta a prestación do servizo en todo o territorio”.

 

También te puede interesar