RGPD - Cookies
Vigo al día

A folga continúa en Denso

O paro continúa en Denso a pesar da intensa xornada de negociacións protagonizada onte pola parte social e empresarial a través da mediación. As conversas prolongáronse ate as 9 da noite cando os representantes dos traballadores recibiron unha nova proposta da empresa que foi rexeitada “por insuficiente”.

Segundo explican dende o comité de empresa, a dirección mellorou a súa oferta económica “pero négase a aumentar en 10 minutos o descanso diario e a contratación indefinida”. Con respecto a este último punto, os representantes do cadro de persoal critican que Denso só se amosa disposta a facer fixos a 18 traballadores dos máis de 100 eventuais contratados mediante empresas de traballo temporal, “o que supón só tres máis dos que está obrigada pola Inspección de Traballo”.

Os sindicatos salientan que o departamento de produción da firma auxiliar da automoción viguesa ten na actualidade 130 empregados contratados directamente, mentres que outro cento de traballadores realiza o seu labor a través de ETT, “o que deixa unha taxa de eventualidade de máis do 40%”.

 

También te puede interesar