Vigo al minuto

Vigo, temos un problema!

A Universidade puxo en órbita este xoves o seu segundo ‘nanosatélite’ espacial, o Humsat-D, que foi lanzado ao espazo dende a base militar rusa de Yasny. O lanzamento foi un éxito e, ás 11.26 horas da mañá, o grupo de investigadores encargado do proxecto recibiu os seus primeiros sinais.

O Humsat-D ten unhas dimensións de 10 x 10 x 10 centímetros e uns 850 gramos de peso. A súa vida útil garantida é dun ano, aínda que pode orbitar durante moito máis tempo e seguir transmitindo con eficacia, ata que volva reingresar na atmosfera -dentro duns 25 anos-. Este satélite percorrerá unha órbita circular constante a unha altura duns 700 quilómetros da Terra.

O Humsat-D é un satélite demostrador, o primeiro que pon no espazo a ONU, que pretende avaliar a viabilidade do proxecto Humsat, unha iniciativa liderada pola Universidade de Vigo, na que participan institucións académicas de varios países e que conta tamén con respaldo da Axencia Espacial Europea.

Este proxecto pretende a posta en órbita dunha constelación de nanosatélites que transmitirán datos a sensores e estacións da Terra, coa finalidade, entre outros obxectivos, de facilitar as comunicacións en zonas con infraestruturas precarias, principalmente en países emerxentes.

O reitor salientou que a Universidade de Vigo está preparada para “dar o salto aos satélites comerciais”, en busca, non só de resultados académicos ou de investigación, senón tamén económicos e de desenvolvemento social, “xa temos dous satélites en órbita e operativos, calquera empresa ou organismo pode confiar en nós para o desenvolvemento dun satélite comercial”.

Tanto o reitor como o vicerreitor confirmaron que se atopan avanzados os preparativos para lanzar, a mediados do 2014, o terceiro nanosatélite con sinatura viguesa, o Femtoxat, unha unidade máis pequena e económica que será un “repetidor da constelación Humsat”.

 

También te puede interesar