RGPD - Cookies
Comarcas

Ponteareas perde o servizo de asesoramento a pequenas e medianas empresas

O BNG de Ponteareas responsabilizou ao alcalde e a concelleira de Desenvolvemento Económico Marisol Valado, do peche do servizo de asesoramento a pequenas e medianas empresas que prestaba a Cámara de Comercio nas instalacións do Centro de Desenvolvemento Local(CDL), “A quebra económica do Concello, pola xestión Solla, deixa a Ponteareas sen o servizo de asesoramento a emprendedores e de accións formativas para traballadores, comerciantes e autónomos” manifestaron os nacionalistas.

Segundo informa o BNG, o Concello de Ponteareas asinou a finais de 2008 un convenio coa Cámara de Comercio de Vigo para facilitar no CDL o acceso a servizos empresariais para pemes e de realización de cursos de formación. Este servizo estaba financiado pola Cámara con cargo ao Fondo Social Europeo e o Concello só tiña que aportar o 10% do seu custe, 4.000 € anuais. “O goberno de Solla e o PP non pagou nin un euro por este servizo, deixando incluso sen contabilizar as obrigas asinadas por Solla no convenio co Cámara de Comercio” afirmaron os nacionalistas.

O BNG obrigará a concelleira Marisol Valado a comparecer na Comisión de Desenvolvemento Económico para que explique os motivos do incumprimento do convenio e da perda desta oficina de asesoramento, necesaria para facilitar as iniciativas de empresarios e comerciantes na creación de emprego.

O BNG lamentou a perda deste servizo, “unha consecuencia máis da bancarrota causada polo PP durante trinta anos, bancarrota que agora pagamos todos os ponteareáns con incrementos de impostos como a contribución e coa perda servizos como neste caso. Mentres tanto, Solla e o seu goberno siguen cobrando os seus salarios sen asumir ningunha responsabilidade”.

 

También te puede interesar