Cultura

Iván Prado recolle o Premi Esperança 2013 polo traballo de Pallasos en Rebeldía en Palestina

O director da Asociación Cultural e de Cooperación Internacional ‘Pallasos en Rebeldía’, Iván Prado, recolleu este venres o ‘Premi Esperança’ na súa categoría colectiva. O galardón outórgao anualmente a comunidade palestina de Cataluña e, nesta ocasión, premia o traballo realizado por ‘Pallasos en Rebeldía’ en Palestina durante os últimos anos.

Iván Prado participou esta tarde no acto de entrega de premios ‘Premi Esperança 2013’, que tivo lugar no Palau Robert, presentado pola xornalista Rita Marzoa, e que conformou a cuarta edición dos devanditos galardóns. O director da entidade de Cooperación Internacional ‘Pallasos en Rebeldía’ recolleu o premio na categoría colectiva.

Tras recibir o premio de mans da ministra palestina de Asuntos Sociais, Majda el Masri, Iván Prado agradeceu o galardón á Comunitat Palestina de Catalunya e destacou que “este premio é dos 40 artistas internacionais, dos de 30 artistas palestinos, de Human Supporters Palestinian Circus School, comités de traballo e saúde, o equipo do Festiclown Palestina, e sobre todo dos máis de 100.000 palestinos e palestinas que nos abrazaron, que nos deron de comer e que nos agasallaron cos seus risos e os seus agarimos durante os 15 días do primeiro festival de clown do mundo árabe en Nablus, Ramallah e Xerusalén”, indicou.

Ademais, Iván Prado explicou que “os pallasos viven de ver a humanidade nos ollos do público”.  Segundo o premiado, “eu son pallaso porque no 2004, cando fun a Gaza, unha nai cos ollos chorosos agradeceume ver o seu fillo rir despois de moitos meses. E aí aprendín que o riso é o alimento da esperanza e a esperanza é o motor da humanidade”, expuxo. Para o director de Festiclown, “ese sentimento promoveu accións como o primeiro Festiclown Palestina e segue alimentando as próximas como un novo Festiclown en Gaza en 2014”, finalizou.

A Comunitat Palestina de Catalunya celebra anualmente a entrega dos Premis Esperança, que en 2013 cumpren a súa cuarta edición. Pallasos en Rebeldía, entidade gañadora do premio na categoría colectiva, é un espazo de solidariedade internacional e fraternidade entre os pobos que se expresa a través da risa e a arte e no que conflúen artistas de distintos países e territorios do Estado Español. Pallasos naceu impulsado polo Festiclown (Festival Internacional de Clown de Galicia) e polo traballo de Culturactiva, co obxectivo de traballar para compartir esperanzas e soños en lugares do mundo que viven baixo os conflitos militares e as inxustizas do actual sistema.

 

También te puede interesar