Galicia

Denuncian o apoio de varios organismos públicos a un combate de Boxeo patrocinado por clubes de alterne

A Rede Provincial Pontevedra pola Igualdade ven de manifestar a súa “total indignación e rexeitamento” polo apoio ao acto deportivo “Velada de Boxeo e Kick Boxing”, que tivo lugar en Pontevedra o 14 de decembro, patrocinado pola Deputación de Pontevedra, o Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo.

Dito evento foi publicitado a través dun cartel onde aparecen como patrocinadores estes organismos públicos xunto a varios clubes de alterne,” utilizando claramente a imaxe da muller como reclamo”. A Rede lembra que “os clubes de alterne atentan contra a dignidade das persoas e, en particular, das mulleres, negocios que son cómplices da trata de mulleres e das mafias que extraen da situación de miseria e indefensión delas pingües beneficios”. Por elo opina que o feito de que tales negocios aparezan mesturados con institucións académicas e políticas “é unha vergoña e constitúe un feito que non se pode permitir”.

A Rede pola Igualdade esixe que os entes públicos teñan especial coidado cando apoian calquera tipo de evento deportivo ou doutra índole, xa que é a súa competencia e responsabilidade velar polos dereitos da cidadanía e constituír un exemplo para esta.

Apelando á sensibilidade e responsabilidade das institucións públicas, esta organización engade, “esiximos á Deputación de Pontevedra, ao Concello de Pontevedra e á Universidade de Vigo a retirada inmediata do apoio que se teña feito a este evento, así como o recoñecemento do erro cometido e unha rectificación pública que inclúa a explicación das medidas a adoptar para que feitos como os acontecidos non se repitan no futuro” e insiste na necesidade de formación e sensibilización en igualdade “para cargos políticos e para o persoal dos servizos públicos”.

 

También te puede interesar