Vigo al minuto

O BNG denuncia o “retroceso” no eido cultural de Vigo durante este mandato dos socialistas

O portavoz do grupo municipal do BNG manifestou este sábado que os nacionalistas ven con preocupación o retroceso na actividade cultural da nosa cidade no último ano, “coincidindo co actual mandato do PSOE no goberno municipal”. Tras analizar a situación cultural viguesa, constatou a “paralización e falta de iniciativas” fronte aos logros que nesta materia se tiñan conquerido nos anteriores catro anos dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural, xestionadas polo Bloque.

Santiago Domínguez cree que “existe unha total indefinición da rede museística de Vigo que deixou en marcha o BNG”. Ao seu xuízo, asistimos ao peche de museos como o Liste ou o Centro de Artesanía Tradicional, non se sigue na liña de potenciación do Quiñones de León como Museo da Cidade, “e mesmo unha auténtica xoia museística como é a Pinacoteca neste ano non mereceu por parte do goberno local ningunha iniciativa para potenciala, nin aquí nin no resto do país”.

O portavoz municipal do BNG tamén critica que nada se sabe de que quere facer o goberno municipal co Arquivo Pacheco nin co Centro Galego de Fotografía. “Pensamos que un ano é tempo suficiente para que este proxecto estivera definido, xa que contaba con planificación e plan de usos, que deixou preparado o anterior concelleiro de Cultura”, manifestou.

O nacionalista asegurou que “algo parecido está a acontecer tamén, como xa o puxo de manifesto a concelleira Iolanda Veloso, na área de Normalización Lingüística”. Ao respecto defendeu que “non se está a facer absolutamente nada para potenciar o máis preciado ben cultural, como é a nosa lingua”. Domíguez fíxose eco das palabras do alcalde, cando manifestou que “temos o mesmo orzamento que tiña o BNG”. Segundo o portavoz nacionalista esta afirmación son “a proba evidente” de que cos mesmos cartos este goberno non sabe xestionar. “Non se pode achacar nin a recortes nin a crise a total inoperancia do goberno local no tocante a poñer en marcha iniciativas para non deixar esmorecer o traballo realizado no anterior mandato”, critica.

Por outra banda, o voceiro criticou asemade “o oportunismo” do Partido Popular, ao levar ao vindeiro pleno unha moción na que solicita un plan cultural para a nosa cidade. “Foi unha constante durante os catro anos anteriores, e neste mesmo, a ausencia de apoio e investimentos por parte da Xunta e da Deputación provincial na cultura viguesa”, manifestou.

Domínguez asegurou que dende o Concello, o BNG “esixirá sempre unha atención prioritaria a todo o noso entramado cultural”. Neste sentido especifica que o grupo nacionalista non só reclamará o impulso da actividade museística, senón tamén do mundo do teatro, artes escénicas en concreto, o mundo da fotografía, do cine ou mesmo os grupos culturais, “que se están deixando completamente abandoados”, indicou.

 

También te puede interesar