RGPD - Cookies
Galicia

Dúas galegas arbitrarán no Campionato do Mundo Escolar de Balonmán que se disputará en Croacia

Comezou a galega Cristina Fernández Piñeiro hai case 25 anos abrindo portas onde antes so había muros e agora, por este camino circulan xa moitas árbitras e entre as mellores, unha vez máis, unha parella galega. Elas son Ana Correa (18 anos) e Carla Diz (20 anos) que hai un días recibiron a noticia de que a Federación Española as designaba para arbitrar na 21 edición do Campionato do Mundo Escolar, que se celebrará en Croacia entre os días 14 e 22 de abril.

“Non o esperábamos, foi unha tremenda sorpresa, tanto que cando me chamou Rodrigo  Costas para comunicarmo, non reaccionei. Estaba en shock”. Así explicou Carla Diz como se enterou de que ían ser a única parella española presente neste importante torneo e que ademais daban un paso na historia ao ser a primeira parella española de colexiadas con presenza internacional.

A responsabilidade é inevitable, aseguran, e máis cando “te din que es a primeira parella española feminina, máis responsabilidade e máis presión  porque temos que facelo ben. Pero tamén sabemos que imos gozar a tope”, indicou Ana Correa, a máis nova das dúas, que estuda Empresariais.

A súa historia é curiosa e case da man dende o principio. Ambas son de Tui e xogaban no club da súa localidade cando, hai algo máis de tres anos, ofrecéronlle a posibilidade de facer un curso de arbitraxe organizado no  propio clube. Carla decidiu facelo para “coñecer un pouco máis o regulamento”, mentres que Ana foi obrigada pola súa nai, “era aínda moi nova e había que facer o que dicía mamá”. Quizais por iso, Ana tardou un ano en comezar a arbitrar, pero curiosamente a súa estrea arbitral foi con Carla como compañeira. Premonitorio, quizais.

Estiveron un ano xuntas, pero tiveron que separarse, xa que Carla, que tiña unha tempada máis de experiencia, ascendeu a Primeira Nacional e volveron a traballar xuntas dende setembro do pasado ano, co ascenso de Ana. E a partir  de aí, todo foi moi rápido e cheo de boas noticias. Primeiro, arbitraron o partido internacional Galicia-Arxentina na súa cidade e hai pouco máis dun  mes Carla recibiu o premio da Galega coma “mellor árbitra da tempada 2010- 11. E agora, un campionato internacional. Case imposible pedir máis, din.

Pero teñen moi claro que para seguir medrando toca traballar e moito: “Cando volvamos de Croacia, outra vez ao traballo, os estudos, os adestramentos… Sabemos que nos dan una oportunidade, pero temos que ter  os pes no chan e seguir traballando porque hai máis parellas esperando a súa oportunidade”.

Ana destaca de Carla -que estuda INEF- que é “moi disciplinada, metódica, con carácter”, mentres que Carla di que “Ana é máis tranquila ca mín. A verdade é que somos moi diferentes. Eu son un pouco…, non quero dicir  “quisquillosa”, pero me gusta dar a imaxe correcta dende o principio, dende  que entras no pavillón, porque todo é importante”. Carla é un pouco a guía de Ana, “é a que me leva a min”, pero Carla aclara que “non é porque unha sexa  mellor ca outra, senón porque eu teño un ano máis de experiencia na categoría  e xa cometín algúns erros coa miña anterior parella, e non quero repetilos. Sería perder o tempo”.

Son mulleres nun mundo maioritariamente de homes e “aínda que non hai o machismo de décadas atrás, algo hai”. Pero non se queixan, tratan de aprender dos mellores –“Raluy e Sobroso, que son españois e son os mellores  do mundo”- e teñen un soño que hoxe parece case imposible: Pitar a final duns Xogos Olímpicos.

Rodrigo Costas, orgulloso.

O presidente do Comité de Árbitros da Federación Española de Balonmán foi o encargado de comunicarlle a Carla a  boa nova e non dubida en destacar o bo traballo da Federación Galega de  Balonmán. “O traballo que se está facendo en Galicia no tema arbitral é bestial. Cando chegaron á directiva tiñan que importar árbitros de Portugal para as territoriais e lograron recuperar nestes cinco anos o que había antes. Galicia sempre fora un referente en arbitraxe tanto a nivel estatal coma internacional e todo iso se perdera, manifestou o vigués Rodrigo Costas.

Cree que Carla e Ana forman unha moi boa parella e que este “premio” ten que ser un aliciente para elas: “Están nerviosas, pero eu o que lles digo é que teñen que gozar deste momento, desta experiencia que será marabillosa e van a aprender moitísimo”. Ademais poden ser un referente para as rapazas que están comezando: “A partir deste momento terán que traballar moito máis, a responsabilidade é maior porque todo o mundo estará pendente delas”.

Rodrigo tamén ten soños e o seu é que “nuns Xogos Olímpicos teñamos unha parella arbitral masculina e outra feminina. É unha posibilidade real e para iso traballamos”.

 

También te puede interesar