Galicia

Máis mulleres, menos poder

Duvi/ O período 2003-2009 foi época de bonanza económica e de políticas de igualdade e sen embargo o papel da muller na ciencia seguiu relegado a un segundo plano e en algúns aspectos minguou. Así o demostra a monografía La mujer en el campo científico, tecnológico y de transferencia del conocimiento en Galicia. Nela, entre outras cuestións, advírtese de como o peso das investigadoras galegas no estado foi descendendo desde 2003 e como continúa o “efecto tesoira” de máis mulleres estudantes e egresadas pero con menos postos de responsabilidade. Con este precedente sen crise económica, os autores alertan sobre as consecuencias dos recortes en I+D+i na loita pola igualdade“A pesares dos significativos avances no campo da igualdade e do incremento nominal de recursos, en Galicia as investigadoras perderon importancia relativa respecto ao total nacional, caendo desde o 5,6% que representaban en 2003 ata un 4,8% en 2009”, advertiu o profesor Alberto Vaquero durante a súa intervención.

Máis egresadas, menos investigadoras principais

A monografía describe á investigadora galega como unha muller de entre 25 e 35 anos, que en unha elevada porcentaxe (71%) non ten fillos e se os ten é nun número inferior aos dos seus compañeiros varóns. Segundo o estudo, os homes sitúanse tamén nos postos máis altos no campo da ciencia e a investigación e posúen unha formación menor que as mulleres para acceder a postos de máis responsabilidade. As diferenzas laborais tamén quedan constadas, xa que as investigadoras teñen un contrato indefinido nun 53% dos casos fronte a un 75% dos homes.

“Outro punto relevante para entender a situación da muller é o feito de que se ben son maioría nos estudos de grao e posgrao en practicamente todas as titulacións, excepto na rama técnica, a partir dos estudos de doutoramento detéctase un “efecto tesoira” na representación das mulleres que se ve moi claramente, por exemplo, no feito de que só hai un 26% das investigadoras principais”, destacou Alberto Vaquero. Este efecto, advertiron os autores da publicación, persistirá no futuro, aínda que con menor intensidade se se articulan as medidas necesarias para reducir as barreiras que se atopan as mulleres no desenvolvemento da carreira científica.

También te puede interesar