Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Plantar pinos do sur reduciría as consecuencias dos incendios en Galicia

Duvi/ Coñecer a probabilidade de supervivencia do pinus pinaster tras un incendio resulta crucial para a xestión forestal debido ao gran valor ecolóxico e económico da especie en Galicia. José Antonio Vega, experto do Centro de Investigación Forestal Lourizán e os investigadores Luis Ortiz e Daniel Vega da Escola de Enxeñaría Forestal analizaron a resistencia da árbore ao lume en distintas rexións da Península Ibérica. O estudo conclúe que as especies do sur sobreviven ás lapas nunha porcentaxe maior cas do norte, “o que serve de indicador para introducir nos montes galegos os xenotipos máis resistentes e limitar o efecto dos incendios forestais”, explica o profesor Luis Ortiz.

Os investigadores examinaron máis de 3.000 árbores de distintas especies en zonas afectadas polo lume, en concreto rexións de Galicia, Andalucía, Castela e León e Castela a Mancha, entre os anos 1994 e 2007, sendo a especie galega a que máis índice de mortalidade presenta tras a catástrofe. A relevancia do estudo radica na importante presenza do pinus pinaster na conca mediterránea, en concreto en España, onde ten a súa maior extensión e onde se atopa a maior variedade de especies, consecuencia de ser empregada en procesos de reforestación anteriores.

Indicadores para a tala das árbores afectadas

Este tipo de estudos, ademais de indicar o nivel de supervivencia de cada xenotipo de piñeiro, axudan ás comunidades de montes na toma de decisións despois dun incendio. Así, os expertos marcan unha serie de indicadores en función do estado da copa da árbore para establecer o momento máis idóneo da tala, unha vez que a especie foi alcanzada polo lume. “Identificar o nivel de danos a partir da porcentaxe de fracción de ramas secas facilita a toma de decisións por parte dos xestores forestais encargados dos labores de rexeneración tras un incendio”, aclara o profesor Ortiz. Dende o punto de vista económico coñecer o momento idóneo de corte permite evitar que os propietarios se precipiten á hora de decidir e perdan o investimento feito na plantación.

Por outra banda, a investigación tamén estuda o efecto do ataque de escolítidos (pequenos escaravellos) nas árbores, subliñando que, aínda que por si sos non son quen de producir a morte da especie, si que causan importantes estragos en aquelas especies danadas polo lume.

 

También te puede interesar