Cultura Destacados

Os xornalistas pecamos de morbosos

Non o dicimos nós: son as conclusións da tese de doutoramento de Beatriz Martínez, unha investigadora que comezou a interesarse polo tratamento nos medios de comunicación das noticias sobre violencia de xénero tras ver o “circo mediático” que se organizou en xaneiro de 2009 co caso de Marta del Castillo. A partir de aí non lle foi difícil ver que estas novas se lle daba un tratamento “banal, frívolo ou sen delicadeza, facendo da noticia un espectáculo con referencia a detalles escabrosos e recorrendo ao morbo” ademais de “botar man dos estereotipos ao falar das causas ou circunstancias dos feitos”. Algo ao que hai que engadir unha falta de contexto e precisión, “especialmente ao referirse aos actos xudiciais”, unha tendencia a xustificar ou minimizar as agresións, unha escasa referencia aos servizos de atención e auxilio á muller e un “abuso de testemuñas banais e falta de fontes expertas”. Esta mala praxe pode cooperar ao efecto chamada, producindo uns resultados contraproducentes moi afastados da concienciación da gravidade destes actos” e que, en cambio, non se traduce “nun afondamento no tratamento do problema, nun cambio da calidade da información nin nunha mellora do interese nas enquisas do CIS”.

Falta de especialización

A pesar das recomendacións publicadas sobre o tratamento deste tipo de informacións, “os xornalistas non as cumpren, porque fai falla preparación para lograr unha mellora no achegamento destes sucesos”. Aínda que tras falar cos xornalistas que se encargan deste tipo de noticias a investigadora detectou a sensibilidade e responsabilidade que mostran con respecto á violencia de xénero e “unha vontade de traballar por facer as cousas ben, con deberes éticos ben asentados e asumidos”, tamén destaca a falta de especialización, pois “non teñen unha preparación concreta e axeitada para este tipo de novas, tratando a información como un suceso habitual”. Engade ademais que, a pesar da cantidade de ferramentas deontolóxicas á súa disposición, “os xornalistas non parecen coñecer as súas recomendacións ou non afondaron nelas”.

También te puede interesar