Galicia Vigo al minuto

Primeira acción tanxible do Campus do Mar: xa ten directiva

Duvi/ Tras meses traballando arreo, o Campus do Mar comeza a vogar coa primeira xuntanza do Consello Reitor, constituído polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; o reitor da Universidade de A Coruña, José Mª Barja; o presidente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, (CISC), Rafael Rodrigo e o director do Instituto Español de Oceanografía (IEO), Eduardo Balguerías.

Os cinco parceiros sentaron as bases da gobernanza do Campus de Excelencia co nomeamento do Equipo de Dirección, que terá ao fronte a Emilio Fernández Suárez, ata agora comisionado do Campus do Mar. Trátase, como explica o reitor Salustiano Mato, dunha “clara aposta polos recursos humanos, polas persoas de excelencia”, un eido que copará gran parte dos recursos económicos do proxecto, que ascenden a 7 millóns de euros.

A “fábrica de ideas e solucións” na que se converterá o Campus do Mar rubrica así o compromiso de todos os socios por traballar nunha mesma dirección, unha oportunidade única, segundo o reitor santiagués, “para aunar esforzos entre as universidades e non diluílos”. Implicados os cinco organismos, como tamén ratificou o reitor da Coruña, a estrutura da gobernanza pretende repartir “tarefas, responsabilidades e compromisos”.

Neste primeira xuntanza do Consello Reitor, ademais da gobernanza, abordáronse outros temas que permitiron a toma das primeira decisións de cara á conversión en 2013 do Campus do Mar nun consorcio público-privado. Para iso encomendóuselle ao Equipo de Dirección a elaboración dunha folla de ruta, así como a pormenorización da estrutura e o organigrama. Salustiano Mato explicou que valoraron moi positivamente as actividades realizadas durante o primeiro semestre “en particular no que se refire á futura Escola Internacional de Posgrao”, que se porá en marcha sen necesidade de contar previamente cunha sede física. No mesmo sentido camiñará o Campus Dixital do Mar, cuxa sede física serán “as dez institucións parceiras, as cinco galegas e as cinco portuguesas” e contará cun orzamento de 1.700.000 euros.

También te puede interesar