Agenda Comarcas

Os monicreques voltan hoxe a facer as maletas

Cinco días na mesma cidade xa é moito tempo, así que títeres e monicreques farán de novo as maletas esta noite para marchar de viaxe polo mundo adiante antes de regresar a Redondela o vindeiro ano. Pero antes de marcharsas, como festa de despedida deixan case 30 actuacións pola vila dentro do Festival de Títeres.

Os máis madrugadores serán Os Croquetas, que levarán a súa música xa ás 12 horas do Concello á Alameda e de alí de novo ao Concello coa súa posta en escena, a elección dos instrumentos  e o seu particular xeito de entender a música de rúa: festa e caña ata que o corpo rebente! Media horiña despois dalle o relevo a compañía francesa Marionetas en Libertad nos xardíns da Alameda co ‘Gran Circo de Liliput’, o circo máis grande do mundo cos artistas máis pequenos. Números de circo con marionetas de fío enlazados ao ritmo de sons e cores latinos.

A Praza do Concello acollerá ás 13 horas a ‘Danza das marionetas’ de Plansjet, monecos orixinais tallados en madeira confeccionados polos propios membros da compañía que cobran vida ao son dos instrumentos que tocan: zanfona, gaita, frauta, tamboril… Ás 13:30 horas dalle o relevo nos xardíns da Alameda de novo o ‘Gran Circo de Liliput’ de Marionetas en Libertad.

As marionetas tamén comen, así que logo ata ás 16:30 horas non se retomará a actividade. E farase na Praza do Concello cos sons de C’é Orquestra Pantasma. E a orquestra debe de ser pantasma porque nunca chega a tempo: o que si está é Cesar Freiría, un home orquestra animoso e polivalente porque toca unha chea de instrumentos e unha chea de estilos: cancións infantís, música tradicional, rock’n’roll, cantautores, tralla verbeneira…

Ás 17 horas na Praza do Concello a brasileira Compagnie Jatoba trae a ‘Mamulengo Jatoba’, coa que nos invitan con moito humor a penetrar no mundo árido e feliz do Nordeste brasileiro. Non faltan os diálogos e improvisacións co público, tan queridos a este teatro de monecos tradicionais. E na praza Reveriano Soutullo, Rodorín porá o seu ‘Retablillo de títeres y cuentos’, un enxeñoso colaxe de contos levado como un xogo con moitos elementos próximos ao mundo dos nenos.

Os Croquetas voltan ás 17:30 horas á Alameda. E ás 18 horas custarache elexir qué facer: Girovago e Rondella levan o seu ‘Circo Poético’ á Praza Casa da Torre; Tomb Creatius proba cos ‘Colores de monstruo’ (xogos tradicionais ata ás 21:30 horas) na Pista da Xunqueira; o ‘Chapeau loco’ de Marionetas en Libertad tomará os xardíns da Alameda e The Turre’s Band e C’é Orquetras Pantasma amenizarán parte da tarde.

Os xardíns da Alameda será o escenario ás 19 horas de ‘A familia Nolfini. Os cómicos do Camiño’, de Boneca Lareta, un grupo de cómicos ambulantes que van de cidade en cidade ofrecendo os seus “maxistrais” números musicais: os bailes da primeira diva, as peripecias do neno ciclista e a estrela do seu espectáculo, a cabra María Xosé. E ás 19:30 horas ‘Mamulengo Jatoba’ de Compagnie Jatoba voltará estar na Praza Reveriano Soutullo; Os Croquetas na rúa Alfonso XII e C’é Orquestra Pantasma na pista da Xunqueira.

O ‘Chapeau loco’ regresará de novo a escena nos xardíns da Alameda ás 20 horas e The Turre’s Band á Praza Reveriano Soutullo ás 20:15 horas. Xa ás 20:30 horas, nas rúas Alfonso XII e Ribeira, La Baldufa leva a ‘Drago’, tres excéntricos personaxes cun extrano aparato móbil.

Ás 21 horas, o ‘Circo poético’ de Girovago e Rondella na Praza Casa da Torre; ‘A danza das marionetas’ de Plansjet na Praza do Concello e C’é Orquestra Pantasma no paseo da Xunqueira. O fin de festa, como o pistoletazo de saída, chega de novo da man de Os Croquetas no paseo da Xunqueira ás 22 horas.

Títeres na sala

Para os que queiran estar a cuberto, hoxe dúas obras e tres sesións dentro da programación de sala. Abrirá boca a catalana La Baldufa (13 e 17 horas) con ‘Embólica la Granja’, unha montaxe multidisciplinar na que empregan o máximo de recursos teatrais e falan de valores como a solidariedade, a tolerancia e o respecto. Nesta ocasión será a través da liorta que se monta na granxa pola desaparición dun ovo da Señora Galiña, que fai xurdir desconfianzas entre os habitantes.

E, ás 21 horas, é a quenda de Valeria Guglietti e o seu ‘Non toquen mis manos’, coa proxección das súas mans sobre unha pantalla onde se suceden nun ritmo vivo e abraiante unha colección de imaxes e historias que sorprenderá a todo tipo de públicos. Un agasallo para os ollos para pechar o festival.

También te puede interesar