Galicia

Case 100 alumnos galegos farán as ‘Rutas científicas’ que os levarán por toda España

Preto dun centenar de alumnos galegos de bacharelato e ciclos formativos de grao medio participarán en outono no programa ‘Rutas Científicas’, coa que viaxarán en grupos a un dos catro destinos de roteiros en Aragón, Illes Balears, Castela e León e a Comunidade Valenciana.

O obxectivo destas bolsas, recén convocadas, facilitarlle ao alumnado a posibilidade de realizar múltiples actividades de tipo formativo-cultural fóra do medio propiamente escolar. Deste xeito, os mozos e mozas sitúanse nun medio diferente ao seu, fomentando a convivencia e cooperación co profesor e con outros compañeiros e ampliando os seus coñecementos.

Requisitos

Os candidatos deberán ter menos de 20 anos e cursar materias científicas en bacharelato ou ciclos de grao medio en centros públicos galegos. Os grupos de viaxe estarán formados por 24 rapaces e 2 docentes e cada un percorrerá unha das ‘Rutas Científicas’ ao longo dunha semana, durante a que elaborarán un caderno diario da viaxe que será entregado á Consellería de Educación como xustificante do aproveitamento da estadía. As actividades desenvolverase entre setembro e decembro de 2010.

Ademais das bolsas para sufragar os gastos durante a semana que duren as actividades, os beneficiados poderán solicitar axudas para o desprazamento desde a localidade do centro ata a cabeceira de ruta. Infórmate na web da Xunta.

Que atoparán

En cada itinerario o contido é diferente. Durante a viaxe a Aragón realizarán no xeoparque de Sobrarbe actividades relacionadas coa bioloxía e a xeoloxía, contidos relacionados coa dinámica interna e externa da terra, historia xeolóxica do planeta e paleontoloxía. Nesta contorna observarán ademais unha gran variedade de especies animais, así como a diversidade vexetal do parque.

En Castela e León as actividades centraranse na importancia que da construción do Canal de Castela, que facilita a exportación e comercialización dos seus produtos mediante a comunicación por sistema de navegación. Para iso, o alumnado percorrerá as instalacións do Canal, as áreas onde se comezaron os traballos de construción, e navegarán nun barco polo mesmo canal.

Coñecer a panorámica da ciencia valenciana é o obxectivo da ruta que percorre esta comunidade. Con este fin, visitarán o Instituto de Acuicultura Torre de la Sal do CSIC, a Cidade das Artes e as Ciencias e os parques naturais do Desierto de Las Palmas e da Albufera. Así mesmo, os estudantes visitarán varios departamentos das Universidades de Valencia e Politécnica.

Por outra banda, o itinerarios nas Illes Balears teñen como finalidade achegar ao alumnado á contribución da ciencia e a tecnoloxía ao desenvolvemento sustentable das civilizacións. Así, os estudantes visitarán os parques naturais de Sa Dragonera, S’Albufera, Cabrera e Mondragó. Ademais, coñecerán técnicas de reciclaxe e tratamento de residuos no parque de Novas Tecnoloxías de Mallorca, e percorrerán as instalacións da central térmica Es Murterar, o Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados ou o Museo Balear de Ciencias Naturais, entre outros espazos.

También te puede interesar