_agenda Agenda

Poesía e música para demostrar que Galicia non se vende

Reivindicar facendo unha xuntanza festiva. A Caravana Galiza non se vende da o seu décimo concerto esta noite (21:30 h) en Cospeito cunha xornada cargada de poesía, música e entretemento coa que quecer motores de cara á manifestación convocada polas asociacións dos afectados polas minas galegas que se celebrará mañá en Santiago de Compostela.

Mini e Mero ( A Quenlla), o grupo de gaiteiros Caivanca e os de folk Buxos Verdes e Os valuros de Castro de Rei conforman o cartaz dunha noite animada por Xurxo Souto, Fidel Fernán e Xavier Cordal coa lectura de poesías e escritos a favor da protección da Terra Chá e na contra da destrución que producirían as minas na zona.

Numerosos colectivos levan tres anos loitando contra as concesións para a extracción de seixo nas minas de A Pastoriza, Cospeito, Castro de Rei, Vilalba, Abadín e Riotorto. Dende o ano 2007, o Sindicato Labrego Galego ten promovido varios recursos de alzada e revisión, pedindo a nulidade das concesións mineiras, recursos que se atopan algúns xa en fase de resolución. Tamén teñen presentado escritos dirixidos ao Valedor do Pobo, así coma ás distintas administracións que podían ter responsabilidade nestas concesións.

You may also like