Vigo al minuto

Os socialistas preguntarán a Feijóo se ainda aposta pola Cidade do Mar na ETEA

 

ETEAA portavoz de Medio Ambiente do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Carmen Gallego, presentará unha Interpelación ao Goberno no Pleno da Cámara que comeza o martes na que denuncia a “tardanza” da Xunta na posta en marcha da Cidade do Mar de Vigo. Lembra que Xunta e Goberno central acadaron un acordo para crear un campus científico – tecnolóxico mariño neste proxecto.

 A parlamentaria socialista sinala que o proxecto “é tan importante para Galicia nun campo no que podemos ser referencia a nivel internacional que non entendemos a tardanza do actual goberno de Galicia en definir o seu avance”. Insta neste sentido ao presidente da Xunta a “dar unha resposta a este proxecto con urxencia, xa que Vigo, Galicia e a comunidade científica non poden perder máis tempo diante da crise económica actual.

 O proxecto contempla a creación de equipamentos científico-técnicos, equipamentos de promoción económica e equipamentos de ocio, incluíndo a posta en marcha do Centro Atlántico de Investigacións Mariñas, ou catro novas unidades técnicas de investigación nas áreas de contaminación mariña, avaliación de recursos pesqueiros e marisqueiros, acuicultura e socioeconomía pesqueira.

Tamén crea o Centro de Xestión de Tecnoloxía e Innovación empresarial e a Unidade de Tecnoloxía Oceanográfica e albergaría as novas instalacións do Laboratorio Comunitario de Referencia das Biotoxinas.

Por este motivo a parlamentaria socialista reclama ao Goberno que explique as súas “verdadeiras intencións” con este proxecto e si teñen considerado “a perda que suporía para Galicia que non se construíra en Vigo o Centro Atlántico de Investigacións Mariñas ou a instalación da Unidade de Tecnoloxía Oceanográfica coa base atlántica dos buques oceanográficos na Cidade do Mar”.

Dixo que Feijóo non foi capaz aínda de dicir, desde que é presidente do Goberno, si quere ou non facer este proxecto na ETEA –Escola de Transmisións Eléctricas da Armada- de Vigo e os socialistas, engadiu, “queremos que este proxecto se faga na ETEA, e parece, polas manifestacións públicas, que o mundo científico tamén, e agradecemos especialmente o esforzo que está a levar a cabo a universidade de Vigo, co seu reitor á fronte, para poñer en valor este proxecto que axudaría á recuperación da nosa economía nesta conxuntura”.

 

 

 

 

 

 

 

You may also like