Destacados Vigo al minuto

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina rexeita as bases do decreto do plurilingüismo

Os profesores do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo fixeron público un comunicado, aprobado por unanimidade, no que manifestan o seu apoio ao documento redactado pola Real Academia Galega no que se reflicten “as eivas” das Bases para o decreto de plurilingüismo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Ao tempo que piden a volta ao consenso lingüístico manifestado no Parlamento coa aprobación do Plano de Normalización Lingüística en 2004, os máis de trinta docentes deste departamento salientan o feito de que o galego segue a ser unha lingua desfavorecida, “concretamente no ensino universitario”, onde, segundo destacan, “pouco se ten avanzado nos últimos 25 anos”.

Subliñan que bases non corrixirán os problemas actuais
Como docentes universitarios, estes profesores ven con moita alarma “calquera medida que limite aínda máis a competencia lingüística que o alumnado ten cando chega ao ensino superior” e subliñan que as bases non están deseñadas para corrixir estes problemas e “o único que farán será agravalos”. Desde o seu punto de vista, se o alumnado accede ao nivel universitario con carencias nas linguas oficiais, galego e castelán, “terá problemas no desenvolvemento das súas carreiras, maiores sobre todo naquelas que non están centradas no estudo de contidos lingüísticos e literarios”.

Lembrando que a universidade se basea no diálogo e no contraste de ideas, solicitan que o decreto sexa consensuado entre as forzas políticas e que se teña en conta a opinión do profesorado das distintas etapas educativas, tomando como referencia a da RAG, “máxima autoridade lingüística do país”.

También te puede interesar