Vigo al minuto

O Pleno aproba por unanimidade o IV Plan de Igualdade

Pleno no que se aprobou o Plan de Igualdade
Pleno no que se aprobou o Plan de Igualdade

O pleno da Corporación Municipal aprobou por unanimidade o IV Plan Integral de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes 2009-2012 do Concello de Vigo, que conta cun orzamento para a súa posta en marcha de 1.213.000 euros. Previo a defensa e explicación do Plan realizada pola concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, a representante do Consello da Muller, Luisa Ocampo, deu lectura á declaración institucional do Concello de Vigo con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller,e no que se destaca o compromiso da administración local para acadar este obxectivo.

Na presentación do Plan de Igualdade, «instrumento para corrixir os desequilibrios sociais existentes para acadar a igualdade real», segundo o definiu Iolanda Veloso, a concelleira nacionalista sinalou as 104 medidas concretas que contempla este documento para acadar ese obxectivo. Explicou que esas actuacións se desenvolverán nos eidos da educación en igualdade, a conciliación e a corresponsabilidade, a participación económica, a violencia de xénero e a atención á diversidade.

A educación en igualdade é, a xuízo da edil do BNG, a área que ten un «peso fundamental», polo que supón de prevención das desigualdades e sensibilización da comunidade educativa en particular e da sociedade no seu conxunto. Neste sentido destacou a importancia de elaborar e distribuir materiais con contidos non sexistas entre os centros de ensino da cidade, así como organizar actividades formativas para o profesorados e nais e pais. Tamén fixo referenza á realización de actividades de potenciación do deporte feminino e a promoción dunha linguaxe e imaxe non sexistas. A elaboración dun estudo sobre a situación social das mulleres en Vigo, a creación dun observatorio municipal de xénero e a realización dunha campaña de concienciación dirixida ao persoal sanitario para que o xénero se considere un elemento determinante na saúde integral das nenas e as mulleres foron outras das medidas que destacou a concelleira de Igualdade.

Na área de conciliación e corresponsabilidade, Iolanda Veloso sinalou a necesidade de ampliar o programa de Fomento da corresponsabilidade doméstica e familiar, así como de impulsar os servizos que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar e realizar actividades dirixidas ás empresas para facer cumprir as previsións legais existentes nesta materia. No tocante á participación económica, a edil nacionalista tamén defendeu a posta en marcha de medidas no ámbito empresarial, tanto as encamiñadas á eliminación de estereotipos de xénero como concienciación das persoas responsables da selección de persoal nas empresas co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Respecto ás adxudicacións públicas, abogou pola inclusión de cláusulas de contratación con empresas e outras entidades que promovan a igualdade.

A concelleira de Igualdade, no eido da violencia de xénero, salientou que o obxectivo fundamental das medidas que contempla o Plan consiste en «rematar coa situación de terrorismo contra as mulleres» e proporcionar atención integral as vítimas de violencia de xénero, tanto mulleres como nenos e nenas. Ao respecto, destacou a necesidade de poñer en marcha un programa de dinamización para erradicar o illamento e soidade e potenciar as relacións sociais das mulleres vítimas que o precisen. Asemade, instou á Xunta de Galiza a incrementar o persoal do Centro de Emerxencia, poñer en marcha un Centro de Recuperación Integral e mellorar o funcionamento do Punto de Encontro. Neste eido tamén fixo fincapé na pertinencia de analizar percepción que teñen os adolescentes de Vigo sobre a violencia de xénero, xa que segundo apuntou cada vez está máis estendida a crenza de que forma parte das relacións entre homes e mulleres.

Traducir a diversos idiomas o material informativo sobre os servizos dirixidos a mulleres inmigrantes, desenvolver actividades de concienciación e información sobre igualdade entre os homes inmigrantes e difundir entre as mulleres prostituídas información dos recursos dirixidos ás mulleres foron tres das medidas que salientou Iolanda Veloso no eido da atención á diversidade. Elemento común a todos os eidos do Plan destacou a necesidade de difundir o Plan de Igualdade en todos os ámbitos sociais.

Na súa intervención, a edil afirmou que este cuarto Plan de Igualdade foi aprobado por unanimidade polo Consello da Muller e partiu na súa elaboración da avaliación do terceiro Plan de Igualdade e a participación de diferentes departamentos municipais, movementos asociativos e diferentes axentes sociais. Iolanda Veloso indicou asemade que para elaborar o novo documento se tiveron en conta diversos datos do Instituto Galego de Estatística, segundo os cais en Vigo as mulleres representan o 52% da poboación, porcentaxe que chega ao 60% no caso das mulleres maiores de 60 anos. No tocante ao nivel de estudos, as mulleres que non saben ler nin escribir son o 78,5% da poboación. «A desigualdade na formación sitúa ás mulleres nunha posición discriminatoria respecto a igualdade de oportunidades», dixo Iolanda Veloso ao respecto. No ámbito laboral, indicou que os datos amosan unha «masculinización e feminización dos sectores», xa que a maioría das mulleres so se produce no sector servizos, cun 52% de presenza feminina.

«Hoxe non é o día de entrar no debate político, senón de agradecer o traballo e o compromiso de todos e todas para chegar a este cuarto Plan de Igualdade», destacou a edil do BNG. Finalmente, salientou que a aprobación por unanimidade do Plan é «exemplo da asunción do compromiso para erradicar a violencia de xénero».

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.