Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Vigo creará o primeiro sistema totalmente automatizado para a soldadura naval

Duvi/ Con preto do 20% da capacidade mundial, a industria europea da construción naval xera máis de 100.000 postos de traballo directos e outros 300.000 na industria auxiliar. Sen embargo, para ser competitivos nun mercado dominado por Xapón, China e Corea do Sur, as empresas deben facer unha clara aposta pola tecnoloxía, a investigación e a aplicación de métodos de produción innovadores. Este é o contexto no que nace o proxecto Shipweld, co que seis institucións europeas tratan de desenvolver un sistema de soldadura de casco dos barcos totalmente automatizado, que permita o control en liña e o axuste de parámetros e traxectoria. “As tarefas que se realizan sobre o buque son moi complexas porque hai zonas de difícil accesibilidade ou permanencia e porque a maior parte das operacións realízanse á intemperie”, explica Enrique Ares, director do grupo de investigación da Universidade de Vigo que colabora co proxecto. O proxecto, financiado pola Unión Europea, está en fase experimental e ten previsto rematar en outubro.

Os procedementos de soldadura dos cascos dos buques precisan «un cambio significativo«, xa que a maioría son manuais, con unha alta incerteza na repetitividade do proceso e con risco para a seguridade e saúde dos operarios. A automatización proporcionaría unha redución nos custes de produción, aceleraría os procesos, aumentaría a calidade da unión e melloraría as condicións de traballo dos soldadores. A complexidade do seguemento das xuntas de soldadura de gran profundidade e lonxitude é un dos retos aos que se enfronta este proxecto. “Estamos a falar de chapas de unión de pezas que poden ter entre un e 50 centímetros de espesor, o que implica unha gran cantidade de cordóns que facer”, salienta Ares.

Con seis socios, o proxecto está encabezado polo maior grupo privado de I+D+i de España, Tecnalia Research & Innovation, e involucra ao Instituto de Soldadura e Qualidade de Portugal, ás universidades de Vigo, de Nantes (Francia) e de Cardiff (Reino Unido) e ao asteleiro STX France Cruise, un dos máis grandes de Europa.

Dous prototipos de automatización

Aínda que existen sistemas comerciais que aportan solucións parciais, o grupo traballa en dous prototipos para acadar unha automatización total: un baseado nun robot e outro nun carro. As probas en situacións reais son as que decidirán cal é o máis axeitado para empregar como unha máquina de soldadura portátil que se desprace so pola xunta da soldadura. Os requisitos: que teña posicionamento automático do facho da soldadura e capacidade para controlar os parámetros necesarios para axustar a xeometría do cordón ao espazo variable que hai entre as placas do casco, producíndoos incluso en varias capas. Nestes intres un banco de ensaios específico está poñendo a proba o sistema en Nantes: un sensor láser monitoriza a xunta para que un robot poida dirixir o movemento do facho e probe as distintas operacións que se poden levar a cabo no casco do barco en posición vertical, horizontal, plana e overhead.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.