_agenda Agenda

A tarde en Vigo é puro teatro

Tarde de choiva e teatro para os vigueses con tres propostas para todos os públicos en distintos puntos da cidade. Ás 18 horas o Auditorio Municipal acollerá a representación de ‘Unha casa’, da compañía Higiénico Papel Teatro, que levarán 40 minutos de teatro familiar. Andrés e a súa familia trasládanse a unha nova casa grande, con moitos cuartos e un estupendo xardín, pero na que ao anoitecer sempre se escoitan ruídos inquedantes.

O problema chega unha noite na que os pais de Andrés saen cear fóra e o neno queda na casa co seu avó e as súas irmas. Todos van deitarse pero Andrés non consegue durmir. Esa noite os ruídos son moi estraños e dan máis medo ca nunca. Andrés vai na procura do seu avó, pero ao comprobar que este desapareceu do seu cuarto terá que buscalo por toda a casa percorrendo un a un todos os cuartos nunha pequena aventura nocturna que terá un feliz desenlace.

Teatro nas asociacións veciñais

Á mesma hora, a asociación veciñal Santa Mariña de Cabral dará paso á representación de ‘Por diante… e por detrás’, de Máscara Produccións. Hora e media na que se presenta unha histérica compañía de teatro, unha estrea e unha xira. Ao final, sardiñas, enredos sexuais e portas, moitas portas… unha ollada ao mundo do teatro por diante e por detrás, unha comedia no que todo o mundo é pillado no acto.

A asociación veciñal Emilio Crespo de San Paio de Navia cederá o seu escenario a Máracatú Produccións e o seu ‘Pirilín e o misterio do bosque’ ás 19 horas. Unha hora de teatro para o público infantil na que Pirilín, un trasno habitante do Bosque das Mil Árbores, intenta impedir os plans da malvada meiga Mengalla, que pretende destruir o bosque para fabricar unha fogueira xigante para a festa da raíña das meigas.

Antes de comezar a actuación, os nenos e os pais poderán pintar os decorados da obra coa axuda da orientación de monitores que facilitarán os materiais necesarios.

También te puede interesar