Destacados Vigo al minuto

O BNG alerta do caos o primeiro día de Nadal e urxe a cambiar o plan de tráfico

Igrexas reclama aparcadoiros disuasorios e máis autobuses tras as retencións do sábado

O BNG alerta do caos o primeiro día de Nadal e urxe a cambiar o plan de tráfico
O BNG alerta do caos o primeiro día de Nadal e urxe a cambiar o plan de tráfico

Carlos Díaz | vigoalminuto

As retencións nos accesos a Vigo, os aparcadoiros saturados e as aglomeracións do pasado sábado deixaron as primeiras escenas de tensión na mobilidade do Nadal. Para o BNG, o sucedido é un aviso do que pode acontecer nas próximas semanas se o Concello non modifica o dispositivo especial de tráfico. A formación reclama aparcadoiros disuasorios e máis autobuses para evitar que milleiros de vehículos entren no centro da cidade nas horas de maior afluencia.

O portavoz municipal do Bloque, Xabier P. Igrexas, considera que o Goberno de Abel Caballero debe reaccionar antes de que o problema vaia a máis. «Estamos a tempo de evitar que este Nadal volva ser un calvario insoportábel para as viguesas e vigueses e garantir a seguridade», advertiu.

Unha das principais críticas dos nacionalistas é que o plan municipal non contemple aparcadoiros disuasorios nos principais accesos á cidade, conectados con autobuses lanzadeira. A súa proposta é que os visitantes poidan deixar o coche fóra do centro e completar o desprazamento en transporte público, en lugar de concentrar miles de vehículos nas rúas máis concorridas.

O Bloque tamén cuestiona que non se prevexa un reforzo de Vitrasa. Igrexas considera contraditorio pedir á cidadanía que deixe o coche na casa sen aumentar as frecuencias e os servizos de autobús. «Non se pode pedir á cidadanía que deixe o coche na casa senón se lle ofrecen alternativas reais», sostén.


Vialia, outro foco de preocupación

A concentración do mercado e da nora de Nadal na contorna de Vialia é outro dos motivos de preocupación. O BNG teme que a chegada de numerosos visitantes a esta zona, xa sometida a unha importante presión circulatoria, provoque novos problemas de tráfico e dificulte mesmo o acceso á estación e ao transporte público.

«Concentrar alí unha enorme afluencia de visitantes, sen unha planificación rigorosa, pode provocar importantes prexuízos á veciñanza», advertiu Igrexas.

A formación tamén denuncia as escenas vividas durante a fin de semana nos accesos á cidade. Segundo o seu relato, houbo persoas que camiñaron pola AP-9 debido ás retencións quilométricas. O Bloque pon igualmente o foco nas aglomeracións durante o desfile de Disney+, onde asegura que se concentraron numerosos menores sen un control suficiente.

As advertencias, asegura Igrexas, non son novas. O BNG xa preguntara polo dispositivo de tráfico nas comisións informativas e no pleno municipal. A resposta do alcalde, segundo lembra o portavoz nacionalista, foi que se adoptarían «as medidas que sexan necesarias».


OuTraS NoVaS


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.