Galicia

Galicia concentra o 12 % dos centenarios de España pese a representar só o 5,6 % da poboación

Por qué tantos galegos e galegas superan os 100 anos?

Galicia concentra o 12 % dos centenarios de España pese a representar só o 5,6 % da poboación
Galicia concentra o 12 % dos centenarios de España pese a representar só o 5,6 % da poboación

María L. García | vigoalminuto

Galicia ten un peso demográfico relativamente pequeno dentro de España, pero a súa presenza entre as persoas que alcanzan os 100 anos é moito maior. A comunidade concentra máis de 1.800 persoas centenarias, o 12,08 % de todas as que hai no Estado, segundo os datos oficiais recollidos pola Xunta. Son máis do dobre do que correspondería se o número de centenarios gardase a mesma proporción que a poboación galega, que representa o 5,6 % do total español.

É precisamente sobre esa particularidade demográfica sobre a que a Consellería de Sanidade quere poñer o foco. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a orde que regula a creación do Rexistro Galego de Persoas Centenarias (Regace), un ficheiro informatizado que reunirá información sociodemográfica, clínica e epidemiolóxica das persoas de 100 ou máis anos residentes en Galicia.

O obxectivo non é elaborar un censo público de centenarios, senón dispoñer dunha ferramenta sanitaria – integrada na Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública – que permita coñecer mellor quen chega a idades tan avanzadas e que factores poden estar relacionados con esa lonxevidade.

A información non será pública e incorporarase á historia clínica electrónica de cada paciente, baixo as garantías establecidas pola normativa de protección de datos. A Xunta pretende utilizar os datos para obter información estatística e epidemiolóxica, mellorar a planificación sanitaria e avaliar a atención que recibe este colectivo.


Por que Galicia ten tantos centenarios?

A creación do Regace permitirá tamén buscar respostas a unha das particularidades demográficas de Galicia: a elevada proporción de persoas que alcanzan os 100 anos. A norma contempla expresamente a identificación dos grupos de poboación con maior probabilidade de chegar a esa idade e o estudo dos factores determinantes da lonxevidade.

O rexistro pretende servir ademais para avaliar políticas públicas, mellorar a atención especializada ás persoas centenarias e facilitar información aos profesionais sanitarios e á sociedade. A Xunta tamén prevé difundir resultados de interese no ámbito internacional e colaborar con institucións españolas, europeas e doutros países en investigación e formación relacionadas coa lonxevidade.

O acceso aos datos estará limitado. A dirección xeral competente poderá autorizar a súa utilización por organismos e institucións galegas, españolas ou internacionais cando o uso sexa estritamente sanitario ou estatístico, así como por profesionais e persoal investigador que desenvolvan estudos relacionados coa lonxevidade.


Un rexistro sen máis gasto orzamentario

A creación do Regace, con todo, non levará aparellado un aumento do orzamento sanitario. Así, a propia orde establece que a súa posta en funcionamento non suporá un incremento das consignacións orzamentarias da Consellería de Sanidade nin do Sergas.

A norma entrará en vigor 20 días despois da súa publicación no DOG. A partir dese momento Galicia contará cun rexistro específico para seguir a evolución dunha poboación que, pola súa dimensión, converte a comunidade nun dos territorios españois con maior concentración de persoas que superan o século de vida.


OuTraS NoVaS


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.