
María L. García | vigoalminuto
O Porriño volverá renderse este domingo aos callos. A vila celebrará o 4 de outubro, a partir das 12:00 horas, a XXXIII Festa dos Callos, unha das citas gastronómicas máis coñecidas do municipio, coa participación de 33 establecementos hostaleiros.
Este ano, a ración terá un prezo de 8 euros e incluirá os callos, o pan e a cazola. A proposta permitirá percorrer diferentes locais da hostalaría porriñesa para probar as súas propias interpretacións dun prato tradicional que, máis alá dunha receita común, mantén unha importante variedade na forma de preparalo e servilo.
A presentación da festa celebrouse na praza do Cristo, baixo a carpa instalada para a ocasión, onde xa se puido degustar unha primeira ración como adianto da celebración do domingo.
Non todos saben igual
A particularidade da Festa dos Callos está precisamente en que non todos saben igual. Os 33 establecementos participantes partirán dunha mesma base, pero introducirán as súas propias variantes. O presidente de Ahospor, José Manuel Fernández, avanzou algunhas das propostas que poderán atoparse durante a xornada: «haberá callos veganos, callos con macarróns… cada un poderaos tomar dunha maneira distinta».
A variedade permitirá así que a festa vaia máis alá do xeito tradicional e que cada local presente a súa propia versión, desde as preparacións máis clásicas ata propostas adaptadas a outros gustos e formas de alimentación.

Unha receita con segredo propio
O segredo da receita común forma parte da identidade da celebración. A organización mantén como unha das súas particularidades a base sobre a que se elaboran os callos, mentres cada establecemento introduce posteriormente os seus propios matices.
A festa converte así durante unhas horas a hostalaría local nun gran escaparate gastronómico, cunha proposta sinxela: probar o mesmo prato en diferentes versións e decidir cal convence máis.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo o foco na participación dos establecementos locais e agradeceu a implicación dos locais que veñen de sumarse a esta edición. A celebración conta tamén coa colaboración do Concello, Ahospor, Coren e a Deputación de Pontevedra.
O seu presidente, Luis López, subliñou o papel da gastronomía como reclamo para atraer visitantes ao territorio, especialmente en concellos do interior, e situou a Festa dos Callos como un dos eventos gastronómicos vinculados á identidade do Porriño.
A celebración busca tamén atraer veciños procedentes de otros puntos de Galicia e de fora da provincia, nunha xornada na que a gastronomía será o principal reclamo.
OuTraS NoVaS
- Festa dos Pexegos 2026 en Liñares, As Neves: programa e actividades
- El TSXG tumba la decisión del Concello sobre los antiguos juzgados y la Xunta estudia reclamarle los costes
- O Porriño prepara a Festa dos Callos con 33 locais e racións a 8 euros
- El Concello blinda el motivo de la suspensión del contrato del bus: apela a la confidencialidad y advierte a la oposición
- Vigo busca trabajadores: seis ofertas de empleo con sueldos de hasta 25.000 euros





