O colectivo de vixiantes dos puntos de vixilancia e de emisoristas-vixiantes do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) de Galicia reclama á Xunta un recoñecemento profesional acorde coas funcións, responsabilidades e cualificación que esixe actualmente o seu traballo.
Así, os traballadores consideran que o actual encaixe profesional non responde á realidade dun operativo de prevención e detección de incendios cada vez máis complexo e tecnificado. Por iso, reclaman a apertura dunha negociación específica sobre as súas categorías, niveis profesionais, retribucións e posibilidades de promoción.
O colectivo lembra que o labor dos vixiantes de caseta non se limita á observación desde os puntos de vixilancia. Entre as súas tarefas están a detección temperá dos incendios, a localización e comunicación dos focos, o seguimento da súa evolución, a observación das condicións meteorolóxicas, o coñecemento do territorio, o contraste de información e o descarte de falsas alarmas.
Ademais, manteñen unha comunicación continua cos centros de coordinación durante a evolución das incidencias, ata o seu control.
No caso dos emisoristas-vixiantes, o traballo desenvolvido nos centros de coordinación inclúe a recepción, tratamento e transmisión de información, a coordinación das comunicacións e o apoio á toma de decisións operativas. Para iso empregan tamén distintas ferramentas e aplicacións tecnolóxicas incorporadas ao operativo nos últimos anos.
O colectivo subliña que estas tarefas se desenvolven nun contexto marcado pola presión e o estrés propios da xestión das emerxencias, no que a rapidez e a precisión da información resultan determinantes.
Un 95,7% apoia medidas de presión
Os vixiantes aseguran que o malestar coa situación actual é maioritario. Segundo unha enquisa interna realizada polo colectivo, o 95,7% considera oportuno adoptar medidas de presión se a Administración non atende as súas reivindicacións, mentres que o 96,5% considera importante reclamar vías de promoción profesional.
Para os traballadores, os resultados amosan unha vontade maioritaria de negociar unha mellora das condicións profesionais, sen descartar mobilizacións ou outras medidas se non se producen avances.
A principal demanda pasa por abrir unha mesa específica para analizar a clasificación profesional en función das tarefas efectivamente realizadas, o nivel de responsabilidade, a cualificación necesaria e a evolución tecnolóxica e operativa do sistema de prevención e defensa contra os incendios forestais.
No caso do persoal funcionario, reclaman que se estude a reclasificación ao subgrupo C1, mentres que para o persoal laboral propoñen unha revisión da categoría tomando como referencia unha mellora cara ao grupo III.
Reclaman estudar un coeficiente redutor
O colectivo pide tamén analizar a aplicación de medidas de xubilación anticipada ou dun coeficiente redutor que poidan corresponder ao persoal que desenvolve actividades especialmente penosas, perigosas ou con especial exposición dentro do operativo.
Nese estudo, consideran que deberían valorarse as condicións reais de traballo, a exposición ao risco, os horarios, a actividade desenvolvida e o nivel de estrés asociado á xestión das emerxencias.
Os traballadores insisten en que a súa reivindicación non se limita a unha cuestión salarial. O que reclaman é que exista unha correspondencia entre as funcións desempeñadas, a responsabilidade asumida, a cualificación necesaria, a clasificación profesional, a retribución e as posibilidades de promoción.
Neste sentido, consideran especialmente importante crear vías de desenvolvemento profesional para que a experiencia acumulada e o coñecemento especializado do territorio poidan traducirse tamén nunha carreira profesional.
«Antes de que un incendio chegue aos medios de extinción, ten que ser detectado»
Os vixiantes-emisoristas defenden que o seu traballo constitúe unha peza esencial na primeira fase da resposta aos incendios forestais.
“Antes de que un incendio chegue aos medios de extinción, ten que ser detectado, localizado e comunicado. Nesa primeira fase o noso traballo é fundamental”.
Por este motivo, reclaman á Xunta e ás organizacións sindicais a apertura dunha mesa de negociación na que se analicen con datos as funcións, cargas de traballo, responsabilidades e categorías profesionais, así como as solucións adoptadas noutros territorios.
Segundo o colectivo, noutras comunidades as tarefas equivalentes son desenvolvidas por persoal encadrado no grupo III de persoal laboral ou no subgrupo C1 no caso do persoal funcionario.
Os traballadores consideran que existe unha contradición entre a aposta da Xunta por presentar o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais como un operativo avanzado e o mantemento, ao seu xuízo, dun marco profesional que non recoñece a evolución das funcións que desempeñan.
A tecnoloxía non substitúe a experiencia
A incorporación de cámaras, sistemas de detección automática, xeolocalización e ferramentas baseadas en intelixencia artificial modificou o funcionamento do operativo, pero o colectivo advirte de que estas tecnoloxías non deben servir para infravalorar o papel do persoal.
A experiencia sobre o terreo, o coñecemento do territorio, a capacidade para interpretar situacións e a comunicación permanente cos centros de coordinación continúan sendo, segundo os vixiantes, elementos fundamentais para unha detección eficaz.
“Se o operativo evoluciona, o recoñecemento profesional tamén debe evolucionar”, defenden.
O colectivo asegura que continuará buscando o diálogo coa Administración, pero advirte de que, se non se producen avances, estudará novas medidas de presión, mobilizacións e as vías legais que correspondan.
“Non pedimos privilexios. Pedimos que se recoñeza profesionalmente o traballo que realmente facemos”, conclúen.


