
Galicia continúa avanzando na súa estratexia para fortalecer o comercio de proximidade cun ambicioso paquete de medidas incluídas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, unha folla de ruta deseñada para impulsar a competitividade dun sector considerado clave na xeración de emprego e na dinamización económica e social das vilas e cidades galegas.
O plan, elaborado da man do propio sector tras un proceso de diálogo e diagnóstico no que participaron os principais axentes comerciais, recolle máis de 70 accións específicas e mobilizará máis de 320 millóns de euros ata o ano 2030.
Entre os obxectivos prioritarios figura o reforzo da competitividade do comercio local mediante accións de asesoramento, formación e información orientadas a fomentar o emprendemento, facilitar a remuda xeracional e avanzar na capacitación e profesionalización do sector.
A Xunta aposta ademais por consolidar un modelo de “comercio de atracción” baseado na innovación, a modernización e a promoción dos oficios artesanais e da marca Artesanía de Galicia como elementos diferenciadores vinculados á identidade e á calidade.
Bonos Activa Comercio e axudas ao sector
Entre as medidas máis destacadas volven situarse os Bonos Activa Comercio, unha das iniciativas estrela de apoio ao consumo local, que contan este ano cun investimento inicial de cinco millóns de euros.
A nova edición incorpora ademais un sorteo complementario a través das redes sociais da Xunta, con premios adicionais de 250 euros para gastar nos establecementos adheridos á campaña.
O Goberno galego tamén mantén abertas distintas liñas de apoio destinadas á innovación e á sustentabilidade do sector comercial, cunha dotación próxima aos 4 millóns de euros.
A isto súmanse as achegas destinadas ao asociacionismo comercial e ao impulso dos centros comerciais abertos (CCA), cun investimento próximo aos 2,5 millóns de euros repartidos entre 54 cidades e vilas galegas.
Outra das iniciativas consolidadas é a colaboración coa Federación Galega de Comercio mediante campañas como Días Azuis ou Merca no teu comercio, ás que se engade un novo campus formativo adaptado ás necesidades reais dos comerciantes e orientado á mellora da súa competitividade.
Impulso ás prazas de abastos e aos Mercados Excelentes
O plan tamén reserva un papel destacado ás prazas de abastos galegas a través do impulso da Rede de Mercados Excelentes de Galicia.
A Xunta financiará ata o 70% das actuacións de reforma, mellora e modernización das instalacións que aspiren a obter o selo de Mercado Excelente, co obxectivo de alcanzar 25 espazos distinguidos antes de 2030.
Esta iniciativa busca reforzar o papel das prazas como puntos estratéxicos para a comercialización de produtos frescos e de proximidade, ao tempo que actúan como motores da dinamización económica e social.
Na actualidade xa contan con este distintivo mercados como os de Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo, recoñecidos pola súa aposta pola innovación e pola modernización sen perder a autenticidade, a tradición e o trato personalizado.

Nova Mesa do Comercio e proxectos piloto
Outro dos fitos destacados deste ano foi a constitución da Mesa do Comercio de Galicia, un órgano consultivo e de participación creado para mellorar a coordinación entre administracións públicas e axentes implicados na defensa e impulso do tecido comercial galego.
A ferramenta nace tamén coa intención de reforzar a colaboración público-privada e complementar o labor das Mesas Locais de Comercio xa existentes nos concellos.
No ámbito da revitalización urbana, a Xunta impulsa ademais o proxecto piloto Vilas Vivas, actualmente en marcha en Ribadavia. A iniciativa céntrase na recuperación de locais baleiros para poñelos a disposición de comerciantes e artesáns, co obxectivo de dinamizar vilas con atractivo turístico e forte vinculación co territorio.
A Administración autonómica tamén reforzará este ano a formación vinculada aos oficios artesanais cunha nova liña dotada cun millón de euros destinada á capacitación de aprendices.
Xunto a estas actuacións, Galicia seguirá impulsando iniciativas de recoñecemento ao pequeno comercio como os Premios do Comercio Galego, orientados a poñer en valor o papel do sector como xerador de emprego, motor económico e elemento vertebrador do territorio.
Outras novas
- Más de 1.000 coches, descuentos y vehículos eléctricos: así es la nueva Feria del Coche de Ocasión de Vigo
- Alzheimer en Galicia: más de 70.000 personas padecen demencia y expertos analizan en Vigo los nuevos tratamientos
- Galicia avanza no impulso ao Comercio Local co Plan Estratéxico 2025-2030, dotado con 320 millóns de euros
- Detenido tras robar en una vivienda: recuperan un televisor, un deshumidificador y la llave de la casa
- La Diputación defiende su compromiso con el Mundial 2030 y reclama una hoja de ruta para Balaídos





