Comarcas

O Porriño transformará Torneiros: novos parques, estanque e zonas verdes

As actuacións nas fases I, II e III inclúen novos xogos, zonas verdes e un estanque ornamental

O Concello do Porriño vén de sacar a licitación as obras de renovación dos parques infantís e equipamentos deportivos de Torneiros, cun orzamento total de 124.999,99 euros (IVE incluído), nunha actuación que transformará de forma significativa as áreas de lecer das fases I, II e III desta zona residencial.

Os traballos teñen como obxectivo modernizar os espazos públicos, mellorar a seguridade e crear contornos máis atractivos para a veciñanza, especialmente para a infancia.


Actuacións por fases: melloras progresivas en todo o barrio

Na fase I, cun investimento de 13.829,48 euros, instalarase un novo balanceador de madeira laminada e aceiro, limparase o multixogo existente e renovaranse os asentos dos columpios, incluíndo un adaptado para bebés. Ademais, colocarase un valado de madeira de 66 metros e executarase unha base de zahorra e céspede artificial nunha superficie de 175 metros cadrados, xunto coa restauración dos xogos actuais.

A fase II concentra a maior parte do investimento, con 70.234,82 euros, e suporá a creación dunha nova área de xogo de 11 por 16,5 metros con pavimento de céspede artificial. O proxecto inclúe a instalación dun multixogo, unha mesa de xogos con bancos e un estanque ornamental accesible de 38 metros cadrados con iluminación LED subacuática.

Neste espazo tamén se incorporará un banco corrido de granito do Porriño, así como bancadas e xardineiras elaboradas con este material, co obxectivo de reforzar a identidade local e lograr unha integración estética harmoniosa.

Ademais, renovarase toda a xardinería do contorno con especies arbustivas e tapizantes adaptadas ao clima atlántico, nun deseño de baixo mantemento que busca crear un espazo verde confortable e integrado coa contorna.

Na fase III, instalarase unha casiña infantil pensada para o desfrute da cativada, completando así a renovación das áreas de lecer.


«Unha aposta pola calidade de vida en Torneiros«

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que esta actuación “non é só unha reforma estética, senón unha aposta decidida pola calidade de vida e a seguridade das familias de Torneiros”.

Lorenzo puxo tamén en valor o uso de materiais propios da zona, como o granito Rosa Porriño, que contribúe a reforzar a identidade do municipio nos espazos públicos.


Financiamento europeo e prazos de execución

As obras deberán estar rematadas antes do 30 de xuño, ao estar financiadas pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e a colaboración da Xunta de Galicia.


Outras novas


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.