A crecente externalización de servizos no Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o incremento das derivacións de pacientes a hospitais privados, volveron ao debate parlamentario como unha cuestión de fondo que afecta ao modelo sanitario galego. Durante o pleno do Parlamento, a deputada Elena Espinosa (PSdeG) advertiu do impacto que esta tendencia pode ter sobre a capacidade da sanidade pública e sobre a igualdade no acceso á atención sanitaria.
Listas de espera e malas praxes, como no caso dun hospital privado en Madrid
Espinosa sinalou que a derivación de servizos a entidades privadas debe ir acompañada de garantías estritas de calidade, seguridade e transparencia, e lembrou que “experiencias doutros territorios” amosan riscos asociados á xestión privada, como problemas nas listas de espera, nos criterios de derivación ou na carga de traballo do persoal. Nese contexto, aludiu a recentes alertas por presuntas malas praxes detectadas nun hospital privado en Madrid como exemplo de situacións que “deben servir de advertencia”.
No caso galego, destacou que Galicia conta con dous concertos sanitarios substitutorios, dun total de seis existentes en todo o Estado, sendo a única comunidade autónoma con dous acordos deste tipo. A isto súmanse outros concertos parciais, unha realidade que, ao seu xuízo, fai necesario abordar a política de concertación sanitaria “con claridade” e cun maior nivel de explicación pública.
Sistema de control
A deputada reclamou que a Administración autonómica estableza un sistema rigoroso de control e avaliación dos concertos, co obxectivo de asegurar que toda prestación financiada con fondos públicos cumpra os mesmos estándares de calidade asistencial, independentemente de quen a execute. Subliñou que esta esixencia é especialmente relevante no ámbito sanitario, onde está en xogo a seguridade e a saúde dos pacientes.
Outras novas
- Denuncias por trabajadores sin contrato y jornadas abusivas, en pastelerías y panaderías de Vigo
- Klubers celebra tres años como referente del house, con David Penn en Vigo
- Alerta pola crecente externalización de servizos do Sergas e o aumento das derivacións á sanidade privada
- Vuelve la lluvia…con una tregua este viernes
- La presión vecinal frena la subida del recibo de basura en el Morrazo
«Mecanismos de supervisión moi esixentes» con Povisa
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade asegurou que a administración autonómica ten mecanismos de supervisión e control moi esixentes e que desde o primeiro momento se constituíu a Unidade de Supervisión e Control prevista no contrato con Povisa, para asegurar o estrito cumprimento das obrigas nel establecidas e garantir a máxima calidade na asistencia aos pacientes que libremente elixen este hospital privado para recibir atención sanitaria.
A Unidade de Supervisión e Control, dixo Antonio Gómez Caamaño, está conformada por diversos profesionais da área sanitaria de Vigo e vela para que a asistencia que se presta en Povisa se dea con plenas garantías, as mesmas que no Servizo Galego de Saúde.
Máis concretamente, esta unidade encárgase de revisar a actividade rexistrada para os pacientes atendidos; o dimensionamento dos recursos humanos asignados ao contrato; o cumprimento dos protocolos e procedementos autorizados; o seguimento da implantación do IANUS; a verificación no cumprimento dos obxectivos de calidade; ademais de revisar a prestación farmacéutica.
Gómez Caamaño lembrou que, entre as melloras recollidas no novo contrato de servizos con Povisa, está a obriga da adxudicataria de aplicar os incrementos retributivos ao persoal pactados no convenio colectivo, o que supón unha suba dun 3 % neste ano 2025 para os traballadores; ou o realizar investimentos en obras e equipamentos dun mínimo do 3 % do importe anual do contrato.





